O Cadramón prepárase para honrar a Santa Filomena cun día de festa para toda a familia

AMariñaXa
Misa, procesión, xantar popular e música tradicional marcarán a celebración do 7 de xuño
Valadouro-Cadramon-festas-2025-presentacion
5 Jun 2025

A parroquia do Cadramón, no concello de O Valadouro, xa conta os días para celebrar unha das súas citas máis esperadas: as Festas na Honra de Santa Filomena. A xornada festiva terá lugar o vindeiro venres 7 de xuño e estará cargada de tradición, música e convivencia.

Os actos comezarán ás 12:30 horas cunha misa solemne na capela da parroquia, seguida da tradicional procesión en honra á patroa. O Dúo Venus será o encargado de poñer ritmo á sesión vermú e, xa pola noite, tamén á verbena, prevista a partir das 20:30 horas.

Un dos momentos centrais do día será o xantar popular, que se celebrará ás 15:00 horas. O menú incluirá empanada de atún, churrasco de porco, chourizo, crioullo, patacas, sobremesa, bebida, café e chupo. O prezo será de 25 euros para adultos, mentres que os menores de 6 anos comerán de balde e os de ata 12 pagarán 15 euros. As reservas deben formalizarse antes do 2 de xuño a través dos teléfonos facilitados pola organización.

Ás 19:00 horas, o grupo folclórico Fol do Raxal animará a sobremesa cunha actuación tradicional. A festa desenvolverase baixo carpa, polo que está garantida a súa celebración con independencia do tempo.

O evento está promovido pola Asociación Veciñal Santa Filomena do Cadramón, coa colaboración do CMVMC do Cadramón e o apoio da área de Cultura da Deputación de Lugo. A organización anima á veciñanza e visitantes a participar e desfrutar dunha xornada festiva nun lugar de gran valor natural e cultural.

⚙ Configurar cookies
0.19450998306274