O buzón máxico de Correos chega a Burela para recoller os desexos do Nadal

Ata o vindeiro 5 de xaneiro, as nenas e nenos de Burela teñen á súa disposición a tradicional caixa de correos máxico que Correos instalou na oficina postal do municipio. A través deste dispositivo especial, poderán facer chegar as súas cartas a Papá Noel e aos Reis Magos, mantendo viva unha das tradicións máis entrañables do Nadal.
Correos explica que esta proposta non só pretende alimentar o entusiasmo destas datas, senón tamén favorecer a práctica da escritura entre os máis pequenos. Por ese motivo, nesta campaña de Nadal, as oficinas que contan con caixa de correos especial —así como a plataforma Correos Market— poñen á venda uns “packs máxicos” que inclúen modelos de cartas, sobres decorativos e adhesivos con motivos festivos, pensados para personalizar as mensaxes e captar a atención dos seus ilustres destinatarios.
Ademais, este ano tamén será posible adquirir “selos máxicos” personalizados coa imaxe de Papá Noel e dos Reis Melchor, Gaspar e Baltasar, dispoñibles tanto nas oficinas físicas como a través da tenda en liña de Correos.
A compañía lembra que leva tres décadas celebrando o Nadal con estas caixas de correos especiais que permiten recoller miles de cartas e trasladalas directamente a Laponia e Oriente. A tradición complétase cunha acción solidaria: os equipos de voluntariado de Correos visitarán de novo diferentes hospitais de toda España para recoller as cartas dos nenos e nenas ingresados. Ademais de entregarlles un pequeno agasallo, garantirán que os seus desexos cheguen ás mans de Papá Noel e dos Reis Magos.
Con máis de 300 anos de historia, Correos reivindícase unha vez máis como o “operador loxístico do Nadal”, comprometido en manter a ilusión infantil e en recordar que poucas cousas conservan tanta maxia como escribir unha carta chea de soños.