O Burgo de Trasbar, en Cervo, acolle este sábado o VI Maratón de Tute
O Burgo de Trasbar acolle este sábado o VI Maratón de Tute, desde as 16:30 horas, que contará coa participación de 32 parellas, e con máis de 1600 euros en premios.
Ademais, o vindeiro 9 de abril, terá lugar a Festa da Pascua, con misa ás 13:45 horas, seguida dun xantar cuxo prazo de inscrición estará aberto ata o 5 de abril. A comida será a base de paella de marisco, carrilleiras de tenreira, sobremesa, bebida, café e chupito por 25 euros para as persoas socias, e de 30 euros para as non socias; a metade para as crianzas.
O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Cultura, Dolores García Caramés, achegáronse ata Trasbar, para presentar ámbalas dúas citas con María Díaz e José Ramón Alonso, en representación da asociación de veciños do Burgo de Trasbar, que organizan os eventos, coa colaboración do Concello.
Villares precisou que desde a administración local colaboramos con todo o tecido asociativo local, que son as responsables de dinamizar cada recuncho do concello, “prestando toda a axuda necesaria para que as súas iniciativas poidan saír adiante”. Neste senso, quixo tamén felicitar á asociación de veciños do Burgo de Trasbar “por ser un auténtico referente, enchendo de vida o local social con múltiples actividades ao longo do ano”.