O Burela xa é hexacampión de Liga

AMariñaXa
O conxunto feminino do Pescados Rubén Burela xa é hexacampión de Liga despois de vencer ao Futsi Atlético Navalcarnero
Pescados-Rubén-Burela-campión-liga
27 Xuño 2024

O conxunto feminino do Pescados Rubén Burela xa é hexacampión de Liga despois de vencer ao Futsi Atlético Navalcarnero por 4-0 nun terceiro partido no que un enfervorecido Vista Alegre levou polo aire ao conxunto mariñán cara á vitoria. Con este sexto título ligueiro, a entidade burelista iguala no alto do palmarés da competición co seu rival nesta final e co Femesala Elxe. Ademais, o conxunto laranxa sumou 14 dos 16 títulos nacionais que se disputaron desde aquela Copa da Raíña vencida polas laranxas en Vista Alegre no peche da tempada 2018/2019.

O encontro foi moi igualado e a maior efectividade local, unida a unha actuación estelar de Caridad, decantou a balanza ao lado mariñán. As discípulas de Julio Delgado xa vencían por 2-0 ao descanso e na segunda metade, o conxunto local mantivo a súa porta a cero e Antía Pérez e Cami sentenciaron o partido nos tres últimos minutos. As burelistas comezaron o choque apertando o marco defendido por Marta Balbuena.

O gol cambiou por completo o guion do partido e o Futsi acurralou durante uns minutos ás locais. Despois de catro minutos de asedio, as mariñás sacudíanse a presión cun disparo de lonxe de Antía Pérez, que despexaba con apuros Marta Balbuena a córner. Con todo, a presión atlética non baixou e Irene Córdoba estaba a piques de anotar o empate, mentres que un minuto máis tarde era María Sanz a que se atopaba co pau da meta de Caridad.

Cando máis sufrían as burelistas chegaba o 2-0. O segundo tempo comezou cun disparo de falta ao traveseiro de Ari e un lanzamento de Patricia. Dany, nun remate á media volta que sacaba con apuros Marta Balbuena e Irene, nun contragolpe, tiveron o terceiro, pero a mellor ocasión mariñá chegaba no minuto 29. O técnico do Futsi, Sergio Bretón, apostou por María Sanz como porteira xogadora cando restaban máis de dez minutos para a conclusión.

Antía Pérez tivo o terceiro no minuto 35, pero o seu lanzamento desde campo propio íase ao pau. Non fallaría dous minutos máis tarde, cando si superaba a Bea Parrón nun lanzamento de doblepenalti. Cami marcaría o cuarto a porta baleira a menos de 10 segundos do final para levar o delirio absoluto ás bancadas dun Vista Alegre que xa era unha festa total.

0.14607501029968