O Burela Club Surf: Un novo alento para o surf na vila

“O surf comeza cando saes da casa coa táboa e non remata ata que volves: é máis ca un deporte, é unha forma de vida que queremos compartir”
Por Ana Somoza
A cultura mariñeira de Burela sempre foi unha das súas características máis destacadas, pero ao longo dos anos, o surf pareceu quedar á sombra doutras tradicións deportivas na vila. Con todo, hai aproximadamente un ano e medio, o Burela Club Surf viu a luz, impulsado por un grupo de afeccionados ao surf que querían cambiar esta realidade e achegar a práctica deste deporte ás novas xeracións da localidade.
Segundo un dos fundadores, “decatámonos de que os pobos da contorna xa contaban con escolas ou clubs de surf, mentres que Burela, a pesar da súa forte cultura mariñeira, non tiña ningún”. Deste xeito, e tras varias conversas coa comunidade local, o club naceu cun dobre obxectivo: non só promover o surf senón tamén compartir unha visión única sobre o deporte. “O surf comeza no momento en que saes da casa coa túa táboa en busca de ondas con amigos e non remata ata que volves”, explica un dos membros fundadores, amosando así a filosofía que define o club.


MOTIVACIÓNS E ORIXES. Unha das principais razóns para a creación do Burela Club Surf foi a sensación de que a vila non estaba a acoller a nova xeración de surfistas. “Antes de fundalo, pensabamos que eramos dos máis novos en meternos na auga en Burela e que non había relevo xeracional para os surfistas que comezaran na praia da Marosa”, sinala outro dos fundadores. A falta de continuidade neste deporte nas últimas décadas foi un factor decisivo para decidirse a fundar o club, co fin de achegar o surf á xente e evitar que tivesen que desprazarse a outros lugares para practicalo.
Co paso do tempo, o club foi tomando forma e, actualmente, conta con preto de 40 socios. Estes socios non só participan activamente en actividades relacionadas co surf, senón que tamén colaboran na toma de decisións dentro do club. “Organizamos ceas ocasionais e temos preparadas boas novidades para este verán. E, por suposto, sempre estamos abertos a novos membros”, comenta un dos membros máis activos. A recepción de novos surfistas e a ampliación da comunidade local son claves para a sostibilidade e crecemento do proxecto.
A EVOLUCIÓN. A historia do surf en Burela non é nova. De feito, nas décadas de 1980 e 1990, a praia da Marosa viviu tempos de gran esplendor en canto a competicións de surf. As lendas locais do surf, como Fran, Miguelón ou Luis Benigno, foron fundamentais para dar a coñecer este deporte en Burela. “Sen eles, quizais nós tampouco surfeásemos en Burela”, admite un dos membros do club, facendo referencia ao impacto de figuras clave da vila que levaron a cabo moitas das primeiras xiras competidas e contribuíron ao dinamismo da escena surfera local.
Con todo, a partir dos anos 2000, a presenza de novos surfistas en Burela foi escasa. “Notamos que dende os anos 2000 non xurdiron moitos novos surfistas en Burela. A nosa xeración é unha das últimas que practica este deporte na vila”, afirma un dos membros fundadores. A pesar da evolución do surf a nivel global e da súa gran popularidade, Burela pareceu quedar atrás nese aspecto, o que fixo que a creación do club fose unha resposta necesaria para reactivar o movemento surfeiro na localidade.

ACTIVIDADES. O Burela Club Surf non se limita a ser unha simple entidade onde practicar surf. A súa misión vai máis alá e inclúe un importante compromiso coa formación e o desenvolvemento persoal de cada membro. “Organizamos diversas charlas con surfistas recoñecidos, como Tony Butt, quen nos explicou como interpretar partes meteorolóxicos para escoller o mellor momento para surfear”, conta un dos membros. Tamén se realizaron actividades de divulgación sobre as ondas de Nazaré, cunha charla de Eric Ribiere, un dos expertos máis respectados na materia.
O club tamén é moi activo en iniciativas medioambientais, algo esencial nunha vila como Burela, onde a relación co mar e co medio natural é fundamental. “Realizamos actividades de sensibilización medioambiental, porque entendemos que o surf e a natureza deben ir de a man”, afirma un dos fundadores. Dentro desta liña de compromiso medioambiental, o club tamén conta cun podcast chamado Ventrecha Surfcast, onde se comparten experiencias e historias con surfistas e persoas ligadas ao mundo mariño. Aínda que o foco principal do club é o surf, tamén se organizan actividades de surfskate, unha variante do deporte que se practica sobre asfalto, e teñen previstos bautizos de surf para aqueles que queiran iniciarse no deporte.
RELACIÓN CO TURISMO. En canto ao impacto do surf na economía local, os membros do club son cautos. “Aínda non podemos responder con certeza a esta pregunta. Levamos pouco tempo como club e o primeiro ano centrámonos na burocracia e na organización interna”, asegura un dos membros. Con todo, o club espera que no futuro, cando a súa actividade sexa máis coñecida, o surf se converta nunha atracción turística que xere un impacto positivo na vila.
“O surf pode ser un motor para o turismo sostible e respectuoso cos nosos areais. A nosa idea non é masificar as praias, senón que o surf se conviña nun recurso que favoreza a economía local sen destruíla”, destacan. Aínda que o surf está medrando, moitos membros do club aseguran que non queren que Burela se converta nun destino masivo de surfistas. “Sinceramente, esperamos que non. O surf é un deporte que implica conexión co ambiente e coa xente. Nunha praia pequena como as de Burela, se houbera demasiada afluencia, perderíase esa esencia”, explica un dos fundadores.
En canto ao apoio institucional, o Burela Club Surf non deixa de agradecer o respaldo recibido desde o Concello. “O Concello de Burela non só nos animou a seguir adiante co proxecto, senón que tamén nos asesorou e axudou na organización de actividades”, afirman, o que subliña a importancia dunha boa relación entre o club e as autoridades locais.
O FUTURO. De cara ao futuro, o club ten grandes ambicións. “O noso obxectivo principal é manternos no tempo e conseguir que cada vez máis persoas locais se acheguen ao mundo do surf. Sabemos que un club é unha carreira de fondo máis que de velocidade, polo que imos paso a paso, tentando facer as cousas ben”, afirma un dos membros.
As perspectivas son boas, pero o club sabe que o camiño debe ser un proceso gradual, traballando pouco a pouco para consolidarse como unha entidade de referencia para os surfistas locais. Con respecto a futuros proxectos, a dirección do club mantén en segredo algúns detalles. “Algo temos en mente, pero por agora preferimos manter o segredo”, comentan cun sorriso misterioso. Por último, para aqueles que aínda non se decidiron a probar o surf, os membros do club non dubidan en animarlles. “Se non queren pasar os próximos anos mirando partes meteorolóxicos a todas horas, mellor que non o proban!”, di entre risas un dos fundadores. “Pero en serio, o surf é unha experiencia única. Axúdache a desconectar, mellorar o equilibrio e coñecer xente con boa enerxía. Non precisas ser un experto, só ter ganas de probar e pasalo ben”.
O Burela Club Surf segue crecendo, e pouco a pouco, vai deixando unha pegada no panorama local, tanto no deportivo como no social, ademais de ser un aliciente para recuperar a tradición surfeira da vila. A súa historia, aínda recente, está a construírse con pasos firmes e unha visión clara: ofrecer surf e, sobre todo, xerar comunidade.