O buque escola Atyla atracará este luns en Viveiro
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, promove a xira do buque escola Atyla por distintos peiraos autonómicos para divulgar o patrimonio marítimo tanto material como inmaterial da comunidade e a educación azul. A súa estadía nas distintas dársenas contribuirá á formación nos valores do mar e a impulsar a remuda xeracional na actividade marítimo-portuaria.
Con este obxectivo, o ente público presidido por José Antonio Álvarez colabora na travesía a vela desta embarcación de madeira, construída na década dos 80 do século pasado coas técnicas de carpintería de ribeira tradicionais e inspirada nos veleiros do século XVIII. Trátase dunha goleta de 31 metros de eslora, sete de manga e 25 metros de alto, dotada de nove velas.
O buque Atyla realizará un percorrido con escala en seis portos autonómicos nos que abrirá as súas portas gratuitamente aos visitantes que desexen coñecer a propia embarcación e o labor divulgativo que realiza de xeito habitual a Fundación Atyla. Ademais acollerá actividades formativas e pequenas saídas de navegación con visitantes a bordo. Tanto as visitas como as saídas son totalmente de balde, pero os interesados deben inscribirse previamente na páxina web na Fundación Atyla.
O Atyla iniciará a súa travesía desde o porto de Vigo, no que estará atracado entre o 26 e o 30 de xullo, e o do 7 ao 9 de agosto estará en Viveiro.