A Asociación Xoldra prepara o BreaSon: "Queremos poñer en valor Mondoñedo e a nosa cultura”

AMariñaXa
O colectivo ultima a terceira convocatoria do festival para o 8 e o 9 de novembro, unha cita que buscar ser accesible para todos os públicos e comprometida coa presenza de mulleres no cartel
asociación-xoldra-breason
13 Out 2024

Lucía Blanco

“Asentar un festival de balde, accesible para todos os públicos, comprometido coa presenza de mulleres no cartel e que poña en valor Mondoñedo e a nosa cultura”. Baixo esta filosofía a Asociación Xoldra, que cumpre 27 anos movendo á xuventude do municipio, traballa nunha nova convocatoria do BreaSon. Trátase dunha cita que se consolida e que conseguirá reunir unha vez máis unha variedade de grupos como Brassica Rapa, Ortiga, Menin@s da Mariña, Cool Nenas, De Ninghures ou Terbutalina o venres 8 e o sábado 9 de novembro nun enclave único como é a Praza da Catedral.

Como está sendo a organización desta III edición?

Máis ordenada que en edicións anteriores, aprendendo ano a ano xa que partimos de cero no 2022. Pero preparados para unhas últimas semanas intensas nas que pode xurdir calquera imprevisto.

A selección de artistas supón unha clara aposta pola música galega. Tiñan iso claro dende que botou a andar o festival?

Por suposto. Non entendemos un BreaSon doutra maneira. Temos espazo para outras linguas e expresións artísticas foráneas pero dende logo a protagonista sempre será a cultura propia.

En que se fixan á hora de conformar o programa?

Pois dende hai moitos anos na Asociación Xuvenil Xoldra somos bastante asiduas a ir a festivais polo que imos vendo grupos e tratando de conxugar un cartel atractivo, formado por distintos estilos e que se adapte aos nosos recursos. Desfrutamos moito dos festivais de pequeno e mediano formato e da implicación que se aprecia neles da veciñanza dos pobos que os acollen.

Precisamente outra das liñas claras desta iniciativa é o protagonismo da colaboración veciñal.

Consideramos que se pode chegar a facer grandes cousas partindo do asociacionismo, da colaboración veciñal e da aposta polo local. Tratamos de construír pobo e unir distintas xeracións. Por exemplo, este ano o deseño gráfico é unha homenaxe á imprenta mindoniense, optando por unha fonte caligráfica deseñada por un estudo asturiano moi semellante á usada na nosa imprenta de antigo. Á súa vez, quixemos destacar tamén a xa practicamente extinta profesión de campaneiro. Entón, presentamos as camisetas cun vídeo no que Valentín, campaneiro da catedral de Mondoñedo, tocaba as nosas campás.

A artesanía mantense como un dos sinais de identidade do municipio e tamén formará parte do BreaSon. Como o van facer?

Decidimos engadir obradoiros de artesanía ao cartel. En Mondoñedo contamos co barrio dos Muíños, un barrio que mantén o seu encanto, no que a protagonista é a artesanía. Diferentes artesáns impartirán na tarde do sábado obradoiros brindando a oportunidade de participar en oficios tradicionais presentes na historia do pobo.

Que balance fan ata o momento?

Positivo, sen lugar a dúbida. Estamos contentas coa acollida e co agradecemento  e sobre todo colaboración da veciñanza mindoniense pola actividade que realizamos.

Custa manter citas deste tipo no calendario?

Á hora de elixir a data tamén pensamos no calendario festivo e cultural mindoniense, xa que en novembro hai menor oferta ca no resto do ano. Coñecemos os riscos que supón a data que eliximos e asumímolos. O ano pasado tivemos que cambiar a localización do festival e adaptalo nunha semana debido a unha cicloxénese, pero sacámolo adiante igualmente.

Que retos deben asumir?

Pois en relación estrita coa organización, axustar a música e actividades que queremos ofrecer e as necesidades técnicas e infraestrutura que presenta un festival en novembro nunha praza Patrimonio da Humanidade aos medios económicos e humanos dos que dispoñemos. Xa no persoal, é moi complicado compaxinar os nosos traballos con todas as xestións que se requiren para sacar adiante un evento así.

Como está sendo a resposta do público?

Moi boa, sempre nos sorprende cando alguén chega dende outras provincias pola dificultade xeográfica que temos e cunha nula rede de transporte público. En canto ao local, a participación de persoas de todas as idades do pobo fainos moi felices.

Pero o seu traballo non remata no BreaSon. Que nos espera despois?

Agora só podemos centrarnos ao 100% no festival, xa que nos ocupa moito tempo. En canto pase, xa nos poñeremos a preparar outras actividades como unhas xornadas gastronómicas, a carreira de findano, o entroido mindoniense….

0.17197203636169