O BOP publicou a convocatoria das subvencións culturais de Ribadeo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Onte sae publicado no BOP o anuncio da convocatoria das subvencións da Concellaría de Cultura por concorrencia competitiva.
17 Jul 2020

Onte sae publicado no BOP o anuncio da convocatoria das subvencións da Concellaría de Cultura por concorrencia competitiva. As asociacións teñen trinta días naturais a partir de mañá para facer as súas solicitudes.

As bases recollen que o obxecto destas axudas é a realización de actividades de natureza cultural e, con carácter xeral, todas aquelas actividades de interese para os veciños e veciñas do concello, que representen unha mellora da calidade de vida dos mesmos ou da cohesión social das áreas citadas.

Os beneficiarios son as entidades e asociacións sen finalidade de lucro, domiciliadas en Ribadeo, legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións. Tamén poderán beneficiarse as persoas físicas ou colectivos para iniciativas temporais de interese cidadán, sen ánimo de lucro, sempre que en ambos casos non teñan recoñecida subvención nominativa nos orzamentos municipais.

Excepcionalmente, cando a actividade teña interese para o municipio, poderase conceder unha subvención a entidades foráneas ou non inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. O fundamento de dito interese acreditarase mediante a incorporación ao expediente dunha memoria para estes efectos, emitida polo servizo municipal correspondente que xustificará a procedencia da posible concesión da axuda.

O período que se terá en conta para a realización de actividades será durante os exercicios 2019 e 2020, e o tipo de gastos financiados serán estritamente gastos correntes nos que incorran os beneficiarios para o desenvolvemento das súas actividades. Non serán obxecto de subvención os investimentos reais, os gastos de mantemento ordinario e os gastos que non estean directamente vinculados á actividade realizada ou que carezan da natureza propia desa actividade.

O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, supere o custo total da actividade a realizar polo beneficiario.

Na sede electrónica do Concello de Ribadeo está a Resolución da Alcaldía con toda a información sobre esta convocatoria.

0.16120982170105