O BNG de Viveiro presenta o seu Plan de Mellora da Accesibilidade

AMariñaXa
A tenenta de alcaldesa sostén que é “un paso fundamental para construír un municipio máis inclusivo, máis habitable e máis xusto para todas as persoas”
miriam_bermudez_viveiro
24 Jan 2025

O Concello de Viveiro deu a coñecer o seu novo Plan de Mellora da Accesibilidade, unha iniciativa que, segundo destacou a tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez, supón “un paso fundamental para construír un municipio máis inclusivo, máis habitable e máis xusto para todas as persoas”.

Na presentación, Bermúdez subliñou o compromiso do goberno local coa accesibilidade universal: Desde a Tenencia de Alcaldía asumimos con responsabilidade o reto de facer de Viveiro un concello accesible, garantindo que todas as persoas, independentemente das súas capacidades, poidan desprazarse e gozar dos espazos públicos en igualdade de condicións. Isto non é só unha cuestión de dereitos, senón tamén de xustiza social e de calidade de vida para toda a veciñanza”.

A tenenta de alcaldesa fixo fincapé en que o plan non se limita a ser unha declaración de intencións, senón que é “unha folla de ruta concreta, rigorosa e realista”. O documento recolle unha análise do estado actual da accesibilidade en Viveiro, establece as actuacións prioritarias para eliminar barreiras arquitectónicas e detalla os prazos e orzamentos necesarios para a súa implementación progresiva.

Na presentación estiveron presentes Álvaro García Bustelo, membro da Xunta Directiva de COGAMI e responsable da Área de Accesibilidade; Diego Piñeiro Pérez, arquitecto especialista en accesibilidade e responsable da auditoría do Plan; e Alejandro Rodríguez González, arquitecto encargado da redacción do documento. Estes profesionais explicaron tanto as necesidades detectadas como as intervencións previstas.

Bermúdez quixo agradecer o apoio e a colaboración de COGAMI, entidade referente na loita pola accesibilidade, así como o labor dos equipos técnicos e do persoal municipal: “Sen o seu traballo e boa coordinación, este proxecto non sería posible”.

O Plan céntrase nos principais núcleos urbanos de Viveiro, Covas e Celeiro, onde se concentra o maior volume de desprazamentos peonís e servizos. As intervencións priorizaranse seguindo criterios técnicos e sociais, co obxectivo de garantir que os investimentos se traduzan en melloras reais para a cidadanía.

A tenenta de alcaldesa destacou que este documento non é unha ferramenta pechada, senón unha guía que permitirá incorporar novas melloras co tempo: “A accesibilidade é un compromiso en constante evolución. Este Plan é unha ferramenta viva que nos permitirá seguir avanzando cara a unha accesibilidade universal real e efectiva”.

Míriam Bermúdez rematou a súa intervención facendo un chamamento á cidadanía para colaborar neste proceso: *“Hoxe damos un paso importante, pero isto non remata aquí. A accesibilidade é un compromiso de toda a sociedade. Queremos facer esta transformación da man da veciñanza, porque só así poderemos construír un Viveiro máis accesible, máis humano e mellor para todas as persoas”.

0.16681599617004