O BNG volve reclamar no Parlamento a intervención pública de Alcoa

AMariñaXa
O deputado da Mariña Daniel Castro volveu defender no Parlamento a intervención pública de Alcoa por parte do Estado, así como a participación da Xunta na operación mediante capital propio para asegurar o poder de decisión do Executivo galego no futuro da empresa.
Daniel Castro bng
2 May 2024

O deputado da Mariña Daniel Castro volveu defender no Parlamento a intervención pública de Alcoa por parte do Estado, así como a participación da Xunta na operación mediante capital propio para asegurar o poder de decisión do Executivo galego no futuro da empresa.    “Non hai ningunha norma que o impida e por iso non se entende que nin o Goberno español nin o galego consideren vital a factoría de aluminio, a única que queda no Estado, e sigan preferindo que empresas foráneas fagan e desfagan á súa vontade”, asegurou respecto á proposta do BNG o deputado nacionalista.

Castro instou ao Executivo central e ao da Xunta, que ten competencias en industria, a “non mirar para outro lado” e a actuar xa para resolver un conflito que se prolonga dende hai catro anos e que leva aos traballadores e traballadoras de Alcoa a ver “cada vez máis negro o seu futuro”.

O deputado, que lamentou o voto en contra do PP e do PSOE á súa iniciativa, levou a situación de Alcoa unha vez máis á Comisión de Industria despois de que a empresa fixese unha nova proposta “que volve confirmar a súa mala fe” cunha “nova fraude aos acordos acadados por todas as partes e que supón un novo ERE encuberto”, deixando ademais “totalmente desprotexidos” aos traballadores e traballadoras das auxiliares.

“Non estamos a pedir nada fóra do común, porque o propio goberno entrou no accionariado de Celsa e no de Telefónica e porque un goberno que está nas antípodas do BNG como é o italiano interviu a planta siderúrxica de ArcelorMitall”, asegurou Castro na súa intervención durante a primeira reunión da Comisión de Industria celebrada nesta lexislatura.

A proposición non de lei do BNG, que incluía unha autoenmenda, reclamaba realizar o hipotético proceso de venda a través da Sepi, así como esixir a Alcoa o cumprimento dos compromisos e inversións previstos no acordo asinado en febreiro de 2023, no que se incluía a construción do forno de ánodos e a continuación da súa execución, “independentemente de que se estea comezando un proceso de venda da planta”.

“Non queremos deixar pasar ningún tipo de responsabilidade a unha empresa que tantas veces xogou cos traballadores e traballadoras, e o que é peor, cos gobernos”, advertiu Castro, lembrando que foi o PP quen privatizou a empresa. Durante o debate da proposición non de lei e as emendas presentadas, o representante nacionalista da Mariña subliñou que para resolver a situación de Alcoa é preciso tamén actuar sobre os altos custes da enerxía eléctrica, e de aí que o BNG defende a creación dunha tarifa eléctrica galega.

O PP mantense vixiante

Pola súa parte, a deputada do Grupo Popular Cristina Sanz criticou que o BNG rachara no Parlamento o acordo acadado co PP no Congreso o pasado 11 de abril e que permitiu aprobar na Cámara Baixa unha proposición non de lei solicitando a intervención pública instrumental e temporal, a través da SEPI, de Alcoa, en tanto non se atopa un operador fiable cun proxecto solvente. Cristina Sanz lamentou a “hipocrisía política” dos nacionalistas galegos, “capaces de acadar un acordo no Congreso para avanzar na posible viabilidade de Alcoa e negar ese mesmo acordo no Parlamento galego”.

Ademais de solicitar a intervención pública e temporal a través da SEPI, o acordo, recollido integramente na emenda proposta polo Grupo Popular, inclúe a creación da figura de empresa hiper electrointensiva; garantir a máxima compensación por CO2 permitida por Europa; manter a bonificación de peaxes do 80 por cento de xeito permanente; axilizar os trámites para garantir canto antes a efectividade das PPA para este complexo; e esixir o cumprimento dos compromisos e investimentos previstos, como o forno de ánodos.

“A Xunta e o PPdeG continuaremos apoiando ao Comité de Empresa nestas reivindicacións e permaneceremos vixiantes para que a empresa garanta ese mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo, que son fundamentais para o futuro industrial da Mariña e de toda Galicia”, rematou.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16879796981812