O BNG viveirense forza ao Concello a recuperar os Fondos de Compensanción Ambiental nos xulgados
O BNG de Viveiro reiterouse e presionou ao Goberno Municipal na necesidade de chegar ata o Xulgado para defender os intereses da veciñanza de Viveiro tras a denegación da subvención do Fondo de Compensación Ambiental, que suporía a perda de máis de 90.000€ para a execución de obras de saneamento e pavimentación en Magazos.
Tras a reunión informativa, constatouse as diferenzas “interpretativas” entre os técnicos municipais e a Xunta, xa que a administración galega ten diferentes criterios para os mesmos procedementos, ben sexa na área de Patrimonio, Augas ou Infraestruturas.
Miriam Bermudez manifestou que “Viveiro é un dos máximos beneficiarios deste Fondo, ao ter no noso municipio 50 aeroxeradores e máis de 20 km de liñas de eléctricas. Sufrimos o impacto ambiental e paisaxístico de xerar unha enerxía da que non nos permiten beneficiarnos para ter unha tarifa propia e mellorar o tecido industrial da zona. Agora, a Xunta denégalle á veciñanza de Viveiro os cartos que lles corresponde por sufrir o impacto dos eólicos no noso territorio. O Goberno de Feijoo entorpeceu a posible subsanación dos motivos que levaron a denegación da subvención, sen contestar aos recursos presentados e sen amosar vontade de colaboración cos técnicos municipais. Sen embargo, por exemplo, o 21 de outubro emitiuse unha Orde para aumentar o periodo de execución das obras previsto na convocatoria inicial, quizáis para favorecer a algún goberno da súa cor. Os case 100.000€ correspóndenlle pola sua finalidade á veciñanza de Viveiro e o BNG presionará onde faga falla para defendelo.”
Por outra banda, a concelleira nacionalista indica que a alcaldesa Maria Loureiro debe “tomar nota” do enésimo problema enfrentado por este Goberno Municipal, e esíxelle que traballe con maior previsión e supervisión para evitar outro caso como este: “Agardamos que este caso, como entendemos de xustiza, se resolva positivamente, pero Loureiro non pode eludir constantemente a súa responsabilidade, como no caso “matadoiro”, o caso “Aspanane” ou nos numerosos conflictos laborais, que supoñen unha sangría para as arcas municipais e unha perda de servizos para a veciñanza.”