O BNG vivariense propón instalar marquesiñas en Celeiro

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O BNG de Viveiro cre convinte instalar marquesiñas na parroquia de Celeiro.
72782891_2363846420598696_8716691815777959936_o
5 sep 2019

O BNG de Viveiro cre convinte instalar marquesiñas na parroquia de Celeiro. Argumentan a petición aludindo a que de xeito tradicional en distintos lugares do concello, as veciñas e veciños reúnense en puntos próximos ás súas vivendas para pasar a tarde ou a noitiña ao aire libre, socializar e facerse compañía, sobre todo as persoas de idade máis avanzada que viven soas.

Os beneficios destas reunións son moitos tanto a nivel físico e cognitivo como a nivel emocional, motivo polo cal o BNG vese no deber proporcionar lugares idóneos para que estas formas de socializar se manteñan, xa que aparte dos beneficios que proporcionan ás persoas o feito de que se reúnan, tamén dá vida aos distintos lugares do concello.

Un destes puntos de reunión son os bancos sitos ao carón do colexio de Celeiro, no barrio do Chao, onde a veciñanza que alí se reúne colocan parasois con pés de terraza de bar para protexerse do sol, contribuíndo ao feísmo do lugar ante a carencia doutra alternativa.

Para o pleno de setembro proporán que nestes bancos sitos ao carón do colexio de Celeiro, coloquen dúas marquesiñas ou alternativas similares que dean solución ás necesidades da veciñanza deste barrio, que tamén servirían de amparo ante a choiva para as nais e pais que levan ás crianzas ao colexio, que até hai pouco, resgardábanse no soportal dunha casa privada que agora xa non lles serve de abrigo ao cambiar de propietarios.

Do mesmo xeito, proporán que se coloque unha marquesiña na parada de bus sita ao carón da gasoliñeira de Celeiro, para dar resgardo ás usuarias e usuarios que collen o autobús como medio de transporte, tales como os estudantes dos institutos e que se identifiquen outros puntos do concello que se atopen nas mesmas circunstancias para darlles unha solución.

0.15610694885254