O BNG sobre a decisión de Por Viveiro: "Resulta sorprendente que agora parezan preferir ao PP"

AMariñaXa
Os nacionalistas trasladan que non van participar "dun ruído e dun espectáculo que só beneficia ao PP"
bng-viveiro
10 Dec 2024

O BNG de Viveiro traslada que "non vai participar dun ruído e dun espectáculo que só beneficia ao PP". Afirman que están centrados en traballar por Viveiro e piden responsabilidade. "Cadaquén saberá por que fai o que fai, pero nós non queremos desviar a atención do importante, que é gobernar Viveiro con rigor e seriedade, e non imos caer en frivolidades", destacan.

Os nacionalistas indican: "A nosa prioridade é Viveiro. E Viveiro necesita seriedade, rigor e un proxecto claro para avanzar. Por riba de estratexias persoais ou intereses que buscan desestabilizar e beneficiar ao PP, non é momento de frivolidades nin escenificacións. É tempo de facer política con responsabilidade, coa man tendida e desde o diálogo en favor da nosa vila".

Por iso, o pasado 26 de setembro, o BNG convocou a Bernardo Fraga (Por Viveiro) e ao seu grupo a unha reunión de traballo para falar dos orzamentos da anualidade 2025, "nun intento de buscar consensos e traballar conxuntamente nas iniciativas necesarias para Viveiro. Lamentablemente, esa oportunidade foi rexeitada. Non achegaron unha soa proposta nin amosaron interese en contribuír ao futuro do Concello."

Neste sentido engaden: "Desde o inicio do mandato, o BNG ofreceu a opción dun goberno tripartito forte, amplo e con transparencia, que respondese á maioría social que quere estabilidade e transformación para Viveiro. Esta era unha oportunidade para construír un proxecto compartido con obxectivos claros. Con todo, nunca foi do seu interese. Resulta sorprendente que agora parezan preferir ao PP no goberno antes que formar parte dunha alternativa progresista co BNG e o PSdeG".

Así, desde BNG din que fan política "con seriedade e traballamos día a día para sacar adiante este concello, malia a difícil situación económica herdada". Non participan nin participarán de xogos políticos nin frivolidades.

Por último fan fincapé: "A veciñanza de Viveiro non quere politiqueos, quere responsabilidade, traballo e proxectos sólidos que dean resposta ás súas necesidades. Iso é o que queremos e ofrecemos desde o BNG. Non deixaremos que estratexias alleas desestabilicen o proxecto transformador que Viveiro precisa. Seguiremos centradas no noso obxectivo: un Viveiro no que todas e todos nos sintamos orgullosas, construído sobre a base do rigor, do compromiso e do diálogo. O futuro de Viveiro constrúese coa implicación e o esforzo de todas e todos, non con escenificacións nin ataques de ego".

0.16062498092651