O BNG saca adiante unha moción para pedir á Xunta que exima a concellos e asociacións do pago de taxas portuarias
O BNG sacou adiante no pleno provincial unha moción na que reclama á Xunta de Galiza eximir do pago de taxas polo uso de terreos portuarios a concellos e asociacións sen ánimo de lucro. A proposta, aprobada malia o voto en contra do Partido Popular, reclama a Xunta de Galiza unha modificación da normativa para establecer exencións de pagamento no caso de actividades organizadas polos concellos ou polo tecido asociativo.
No debate plenario, o deputado e portavoz do BNG Daniel García explicou que as taxas supoñen un lastre para as arcas municipais e tamén para o tecido asociativo da Mariña, que desenvolve un papel fundamental na dinamización social, cultural e económica da comarca.
O deputado nacionalista retratou ao Partido Popular. “Non lles importa a Mariña. Nin os concellos. Nin as asociacións”, concluíu durante o debate plenario, no que deixou clara a viabilidade da medida proposta, referíndose a outros casos nos que a Xunta de Galicia si estableceu exencións e bonificacións das taxas, como as formuladas en 2022 coincidindo coa escalada de prezos provocada polo crise enerxética e de subministracións tras a pandemia e a guerra en Ucraína.