O BNG ribadense ve positivo que a Xunta asuma a súa responsabilidade coas deficiencias da estación de autobuses

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
3 Sep 2019

A concelleira de Obras, Mónica Freire, considera positivo que a Xunta asuma a súa responsabilidade con Ribadeo e que ao fin faga o seu traballo na estación de autobuses. A edil lembrou que no ano 2017 o Concello envioulle un requirimento á Xunta informando das deficiencias que sufrían esas instalacións e que podían supoñer un perigo tanto para os usuarios como para os traballadores. Esa petición non foi atendida e a principios deste ano o Concello volveu insistir. 

Mónica Freire contou que “desde o Concello de Ribadeo levamos xa varios anos intentando que a Xunta cumpra coas súas obrigas sobre a estación de autobuses, que precisamente é da súa titularidade. Xa en 2017, fai dous anos, remitimos un requirimento á Dirección Xeral de Mobilidade instándoa a subsanar o mal estado en que se atopaban as fachadas, a cuberta, a instalación eléctrica e os canalóns, ademais da estrutura metálica”.

A concelleira de Obras dixo que “vendo que a Xunta non actuaba, a comezos deste ano volvemos incidir nese requirimento. Volvemos a esixirlles que corrixiran esas deficiencias graves que había e que podían afectar á seguridade dos usuarios e dos traballadores”. 

Freire subliñou que “a principal problemática se atopa, ademais de nos puntos mencionados, no mal estado da estrutura metálica, que está bastante oxidada e pode supoñer un perigo para todas as persoas que pasen por alí”.

A edil ribadense engadiu que “agora desde o Concello celebramos que a Xunta teña a ben asumir a súa responsabilidade con Ribadeo e que, ao fin logo de esixírllelo en varias ocasións, fagan o seu traballo”.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.092591047286987