O BNG rexistra para Pleno do 4 de agosto a súa moción para un Viveiro ciclable
O BNG de Viveiro presentara hai un mes a súa moción para un Viveiro ciclable, dando a coñecer esta moción as asociacións, colectivos e partidos políticos do Concello de Viveiro, tanto presencialmente como a través do seus correos electrónicos, prensa dixital e escrita, como tamén a través das redes sociais do BNG de Viveiro.
Míriam Bermúdez afirma que “ningunha asociación se mostrou en contra da moción, todo o contrario, foron varias as que nos fixeron as súas aportacións que fomos engadindo a esta moción”, afirma a concelleira do BNG en Viveiro. Por outra parte, “tamén lla entregamos a todos os partidos da corporación municipal para que nos fixeran as súas aportacións e modificacións, mais ningún partido quixo trasladar as súas inquedanzas nin participar nesta moción, polo que no BNG queremos entender que estarán a favor de todos os puntos, pois son básicos e necesarios todos eles. Veremos no pleno si están a favor das bicis”.
O que pedimos nesta moción é o mínimo para comezar unha nova etapa en Viveiro, a cal inclúe un punto para crear unha Comisión de estudo e seguemento, co fin de comezar e continuar no tempo ampliando os viais de preferencia ciclista coa creación de carrísbici ao longo de todo o concello. Permitindo a participación nesta Comisión á veciñanza, tanto a título individual como aos membros das asociacións interesadas (veciñais, deportivas…) do municipio, así como aos partidos politicos. “O que pretendemos con esta Comisión é ir mellorando o rol da bicicleta en Viveiro, pois no BNG temos claro que é o camiño a seguir”, afirma Bermúdez, que di que “nesta comisión poderánse concretar tempos, datos económicos e investimentos, incluíndo o de crear un sistema de alugueiro de bicicletas municipal, unha medida que facilita moitísimo o uso deste medio e que avanza con éxitos en todos os lugares nos que o implementou”.
Tamén as deputadas do BNG pola provincia de Lugo, Olalla Rodil e Dani Castro, estiveron en Viveiro hai uns días apoiándo a moción onde Rodil fixo fincapé en que o "uso da bicicleta e a humanización das vilas e cidades forman parte dos eixos fundamentais da formación nacionalista, destacando a "vida" que gañan estas cando se peonalizan e humanizan.
Míriam Bermúdez remata dicindo que “son propostas que o que teñen de ambiciosas téñenno de básicas e necesarias, calquer persoa que viaxara un mínimo puido constatar como todas as cidades que progresan, están a apostar por este tipo de mobilidade que só trae beneficios.”