O BNG reclama unha nova ordenanza para garantir un servizo de taxi digno en Viveiro

AMariñaXa
A formación nacionalista pide unha comisión de traballo urxente ante a falta de taxis en horario nocturno e o incumprimento da normativa vixente
miriam_bermudez_viveiro
11 May 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro vén de solicitar a creación inmediata dunha comisión de traballo para revisar e actualizar a ordenanza municipal que regula o servizo de taxi na vila. A normativa actual, vixente dende o ano 2016, “ficou desfasada e non responde ás necesidades reais da veciñanza”, segundo advertiu a voceira nacionalista, Míriam Bermúdez.

A representante do BNG destacou que o grupo leva tempo recollendo queixas de usuarios que denuncian a inexistencia de taxis durante a noite ou a ausencia destes en determinadas paradas habilitadas. “Hai unha desconexión total entre o que di a ordenanza e a realidade que vive a cidadanía”, sinalou.

Bermúdez referiuse tamén á última sesión plenaria, na que se revisaron as tarifas para o ano 2025, como exemplo dunha xestión incompleta: “Non ten sentido actualizar os prezos sen antes corrixir as deficiencias dun servizo que non funciona como debera”. A ordenanza, no seu artigo 26, establece que o servizo debe estar dispoñible as 24 horas mediante un sistema de quendas que os titulares deben presentar antes do 15 de decembro de cada ano. “Na práctica, este requisito non se está a cumprir”, afirmou.

Outra das cuestións que pon sobre a mesa o BNG é a situación dalgunhas das paradas fixadas na normativa. É o caso da parada da Rúa do Porto de Celeiro, inutilizada polas obras e sen alternativa definida, ou da situada na Avenida de Cantarrá, “un punto que nunca chegou a funcionar como parada e que ademais elimina prazas de aparcamento necesarias nunha zona moi concorrida”, explicou Bermúdez.

Por todo isto, o BNG solicita a convocatoria dunha comisión de traballo para modificar e adaptar a ordenanza ás necesidades actuais, a tramitación das quendas de servizo para o ano 2025 que garantan o funcionamento continuo durante as 24 horas do día, a facilitación de datos actualizados sobre o número máximo de licenzas permitidas e cantas están activas na actualidade, así como un compromiso firme co acceso ao servizo en todo o termo municipal, incluídas as parroquias e o horario nocturno.

“O taxi non é un capricho, é un servizo público fundamental que debe estar dispoñible para toda a veciñanza, sen importar a hora nin o lugar”, concluíu a portavoz nacionalista.

⚙ Configurar cookies
0.13275718688965