O BNG reclama unha intervención urxente na pista do Valín, en Ove, polo seu grave deterioro

AMariñaXa
Os nacionalistas alertan do perigo que supón esta vía, moi utilizada por veciñanza e peregrinos do Camiño de Santiago
BNG-Ribadeo-Martin-Graña-2025
16 Jan 2026

O grupo municipal do BNG de Ribadeo volveu esixir ao goberno local unha actuación inmediata na pista que discorre polo Valín, na parroquia de Ove, debido ao seu avanzado estado de deterioro e aos riscos que supón para a seguridade das persoas usuarias. Trátase, segundo sinalan, dunha vía de especial relevancia tanto polo tránsito veciñal como por formar parte do itinerario do Camiño de Santiago.

Desde a formación nacionalista advirten de que a situación da pista é “insostible” e lembran que xa puxeron este problema sobre a mesa hai meses, sen que ata o momento se adoptase ningunha solución efectiva. O concelleiro do BNG, Martín Graña, subliña que “é necesario actuar canto antes nunha vía que presenta un perigo evidente, tanto para quen circula a pé como para os vehículos”.

O edil lembra que a formación denunciou o estado da pista xa en marzo de 2024, tanto a través das redes sociais como mediante un rogo no pleno municipal. Porén, case dous anos despois, aseguran que non se produciu ningunha mellora. “Chegamos ao extremo de que foron os propios veciños quen tiveron que sinalizar o final da pista con botellas de plástico para evitar saírse da vía”, explica Graña, unha situación que cualifica de “inadmisible”.

O BNG considera especialmente grave o abandono desta infraestrutura ao tratarse dun tramo integrado no Camiño de Santiago, polo que circulan diariamente peregrinos e visitantes, ademais da veciñanza da zona. Por este motivo, a formación insiste en reclamar ao goberno municipal que priorice esta actuación e dea unha resposta inmediata a un problema que afecta directamente á seguridade e á imaxe do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.083388090133667