O BNG reclama un plan integral de prevención de incendios no Vicedo

AMariñaXa
A formación nacionalista pide ao Concello medidas urxentes para garantir a limpeza de parcelas, a creación dun banco de terras municipal e máis recursos para o sector agroforestal
BNG-VICEDO-MIGUEL-FRAGA-GoMEZ-CONCELLEIRO-
25 Sep 2025

O Bloque Nacionalista Galego de O Vicedo presentou no pleno municipal unha moción na que propón a creación dun plan específico de prevención e loita contra os incendios forestais. A iniciativa xustifícase na falta de aplicación da normativa vixente en materia de prevención, en vigor dende o ano 2007, que obriga a manter limpas as faixas de protección arredor dos núcleos.

Segundo o BNG, a ausencia de medidas efectivas por parte do Concello traduciuse en situacións de risco, como a acumulación de maleza en camiños municipais ou en parcelas que levan anos sen limpar, ademais do estado de abandono dalgúns espazos públicos. A formación lembra tamén que o pasado mes de maio enviáronse máis de 600 avisos para realizar limpezas de parcelas cando o prazo legal xa estaba a piques de rematar, o que dificultou o cumprimento das obrigas.

O plan proposto estrutúrase en catro liñas principais. A primeira céntrase en executar a normativa e informar á veciñanza das obrigas que marca a lei. A segunda contempla a creación dun banco de terras municipal para dar cobertura ás persoas que non poidan facerse cargo do mantemento das súas parcelas e para xestionar aquelas en estado de abandono. A terceira busca a inclusión do sector agroforestal no dispositivo de prevención e extinción, de xeito que parte dos fondos destinados a brigadas se empreguen tamén na limpeza de vías, montes e superficies agrarias. O cuarto punto reclama financiamento adicional das administracións para ampliar depósitos de auga, mellorar accesos e reforzar as infraestruturas de extinción.

A formación nacionalista considera que a posta en marcha deste plan permitiría dotar ao municipio dunha ferramenta eficaz para previr incendios, mellorar a xestión do territorio e apoiar ao sector produtivo local.

⚙ Configurar cookies
0.090331077575684