O BNG reclama un Espazo Xove máis dinámico con programación cultural e cobertura da praza de monitor

O BNG defenderá no pleno municipal de setembro unha moción co obxectivo de converter o Espazo Xove, coñecido como Casa da Xuventude, nun auténtico punto de referencia para a mocidade. A iniciativa inclúe dúas demandas principais: a creación dun pequeno auditorio ao aire libre nas actuais pistas e a cobertura inmediata da praza de monitor de ocio e tempo libre, que permanece sen ocupar.
A concelleira nacionalista Iria Cotelo lembrou que este verán a programación foi moi limitada pola falta de persoal. “Non pode haber unha oferta estable e de calidade para a mocidade sen un monitor que coordine o día a día”, recalcou, insistindo en que a Xunta de Galicia leva tempo ignorando as peticións para cubrir esa praza.
O concelleiro Juan Ramón Martínez puxo o acento no valor cultural da proposta. “A creación dun auditorio ao aire libre permitiría diversificar a oferta municipal e dar máis protagonismo á música, ao teatro, á danza ou á poesía, equilibrando o peso actual das instalacións deportivas respecto das culturais”, afirmou.
Tamén Seve Salgueiro advertiu do “baleiro cultural” que deixa a aposta do goberno local por aumentar só as instalacións deportivas. Criticou que a recente decisión de instalar pistas de pickleball no Espazo Xove non fora consensuada coa mocidade. “Vemos moi positivo apoiar o deporte, pero é imprescindible abrir tamén espazos para a cultura. Non se pode esquecer este ámbito”, sinalou.
Deste xeito, o BNG aposta por un Espazo Xove vivo e plural, que dea resposta á diversidade de intereses da mocidade e funcione como lugar de encontro para colectivos culturais e asociacións do municipio.