O BNG reclama transparencia na concesión da residencia e centro de día de Cervo

O Bloque Nacionalista Galego vén de solicitar no Concello de Cervo o acceso á totalidade do expediente relativo ao acordo de adxudicación do contrato de concesión do servizo municipal da residencia e do centro de día. A petición chega despois da aprobación, no pleno celebrado o pasado 24 de febreiro, da Ordenanza Reguladora da Prestación Patrimonial Pública non Tributaria que fixa as condicións económicas deste servizo municipal.
A medida foi impulsada polo goberno local do Partido Popular e provocou inquietude entre os familiares das persoas usuarias ao coñecerse o incremento das tarifas previstas na nova ordenanza. Segundo explican desde o BNG, o documento contempla unha subida do 44% no custo das prazas da residencia, o que supón pasar dun pago aproximado de 1.500 euros mensuais a arredor de 2.100 euros.
O servizo municipal, do que é titular o Concello de Cervo, conta con 54 prazas de residencia e outras 25 de centro de día. Na actualidade préstase mediante un contrato de concesión de servizos, polo que a súa xestión depende dunha empresa adxudicataria. Foi precisamente o novo proceso de licitación e o posterior acordo de adxudicación o que, segundo o BNG, fixo saltar as alarmas entre as familias ao comprobar as condicións económicas recollidas na ordenanza aprobada en pleno.
Desde a formación nacionalista consideran que este incremento resulta inasumible para moitas familias e cualifícano de “estafa amparada nunha licitación”. Neste sentido, sinalan que a subida prevista repercute directamente nas economías domésticas das persoas usuarias, que deberán asumir un aumento considerable no custo do servizo.
Ante esta situación, o grupo municipal do BNG votou en contra da ordenanza durante o pleno do pasado 24 de febreiro e decidiu solicitar toda a documentación relacionada coa concesión do servizo para analizar con detalle o proceso seguido polo goberno local.
O concelleiro nacionalista David Villares explicou que a petición de acceso ao expediente responde á falta de información trasladada ata o momento tanto aos grupos da oposición como ás propias familias das persoas residentes. Segundo indicou, “o proceso que está a levar o Concello coa nova adxudicación non ten nada de transparencia, pois nin se deu información aos grupos da oposición nin ás familias das persoas usuarias”.
Villares tamén lembrou que o acordo de adxudicación do contrato de concesión foi aprobado na Xunta de Goberno Local, un órgano no que só participan membros do executivo municipal. Por este motivo, o BNG considera necesario coñecer todos os detalles do procedemento e reclama que se facilite a documentación correspondente.
“O primeiro que deberían ter toda a información son os familiares das persoas usuarias, porque ata agora foron ignorados polo goberno do Partido Popular”, afirmou o edil nacionalista, quen avanzou ademais a intención do seu grupo de manter encontros coas familias afectadas. O obxectivo, segundo explicou, é colaborar na procura dunha solución que permita evitar que a subida prevista recaia integramente nas economías familiares.
Os nacionalistas subliñan que a súa prioridade é garantir que os servizos de atención ás persoas maiores manteñan uns estándares adecuados de calidade e asistencia, independentemente de que a súa titularidade sexa pública ou privada. Neste sentido, insisten na necesidade de reforzar un sistema público de coidados que asegure unha atención digna ás persoas maiores.
Desde o BNG tamén defenden que os prezos destes servizos deben adaptarse á realidade económica das familias, evitando incrementos que poidan dificultar o acceso á atención residencial ou ao servizo de centro de día. Para a formación, garantir unha vellez digna pasa por asegurar unha rede de coidados accesible, con servizos de calidade e con custos asumibles para as persoas usuarias e os seus familiares.