O BNG reclama reforzar o servizo de Correos en Foz para garantir un reparto postal digno e eficaz

Foz
AMariñaXa
Néstor Rego anuncia iniciativas no Congreso para dotar a oficina local de máis persoal e medios, e frear o deterioro dun servizo esencial no rural galego
Foz-BNG-correos-2025
24 Apr 2025

O Bloque Nacionalista Galego intensifica a súa defensa dos servizos públicos no rural e anuncia o rexistro dunha batería de iniciativas nas Cortes do Estado para mellorar a situación da oficina de Correos en Foz. O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, visitou a localidade para reunirse con traballadores e representantes municipais e recoller de primeira man as demandas dun servizo que, segundo denuncia, leva anos sufrindo un claro retroceso.

Rego, acompañado polos concelleiros do BNG en Foz Francisco Xavier Fanego, Simeón Neira, Benito García e Zoraida Coira, así como polo deputado provincial Daniel García e o responsábel comarcal Antonio Veiga, cualificou de “inadmisíbel” que se recorte un servizo público básico como o postal “nun concello cunha ampla dispersión territorial e unha poboación que se multiplica no verán”.

O BNG alerta de que a oficina de Correos de Foz pasou de contar con oito traballadores a apenas cinco para cubrir as tarefas de reparto, situación que provoca importantes atrasos na entrega de correspondencia oficial, notificacións xudiciais ou citas médicas. “É intolerábel que nun municipio como Foz haxa atrasos de semanas, cartas acumuladas e zonas sen reparto regular. A veciñanza está claramente prexudicada”, afirmou Rego.

A formación nacionalista propón unha reestruturación racional das zonas de distribución, o reforzo do cadro de persoal e a dotación de máis recursos materiais. Ademais, insiste na necesidade de garantir o reparto cinco días á semana, tal e como establece a normativa estatal e europea sobre o Servizo Postal Universal.

O voceiro municipal do BNG, Francisco Xavier Fanego, lembrou que xa en 2021 o Pleno do Concello aprobou por unanimidade unha moción para reforzar o servizo postal e recuperar a apertura da oficina os sábados, suprimida durante a pandemia. “En pleno 2025 non é aceptábel que sigamos arrastrando os mesmos problemas de hai anos. Foz merece un servizo moderno, eficiente e adaptado ás necesidades da súa veciñanza”, reivindicou.

Desde o BNG tamén se alerta contra os intentos de liberalización encuberta do servizo postal. “Correos é un dos poucos servizos públicos que resistiu as privatizacións dos gobernos do PSOE e do PP, pero os últimos movementos apuntan a unha nova ofensiva que tería consecuencias especialmente graves no rural”, advertiu Rego, que reiterou a oposición frontal do seu grupo a calquera tentativa de privatización.

“Queremos un modelo de servizos públicos que garanta dereitos, cohesión territorial e igualdade de acceso, tamén para quen vive fóra das cidades. Un servizo postal digno en Foz é imprescindible para que moitas persoas poidan desenvolver os seus proxectos de vida e negocio aquí, no seu territorio”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16375398635864