O BNG reclama os 700.000 euros prometidos para a reforma do hospital-asilo de Ribadeo

AMariñaXa
O BNG levará ao Parlamento Galego unha serie de iniciativas para que a Xunta de Galicia garanta e achegue o diñeiro
hospital-asilo-ribadeo
5 Xuño 2024

O  voceiro municipal do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso e o deputado ribadense do BNG, Daniel Castro anunciaron que, este último, viña de rexistrar unha serie de iniciativas no Parlamento para instar á Xunta de Galicia a achegar, polo menos, os 700.000 euros que prometeron desde o PP en campaña electoral.

O custe total da reforma cífrase en 1.636.000 euros, que se dividiu nun total de 900 mil euros aportados polo concello en 2023 a través dun préstamo e o restante aportado pola herdanza do Doutor Moreda. Daniel Castro recorda que “por cuestións competenciais debería ser a Xunta de Galicia a administración que sufragase a totalidade deste gasto”.

Pola contra, “o único que os e as ribadenses teñen enriba da mesa son promesas, sempre en campaña electoral, nas que din que chegarán 700.000 euros por parte da Xunta de Galiza que nunca chegan.” Por esta razón e “ante a pasividade e inacción do actual alcalde do Partido Popular, o BNG decidiu tomar a iniciativa e levar a cabo estas xestións para asegurar esa financiación de parte do goberno galego e poder aliviar así as precarias finanzas do concello de Ribadeo desde que é administrado polo Partido Popular”, engadiu tamén Pablo Vizoso.

“Estamos tamén moi preocupados polo pouco avance das obras de reforma, despois de solicitar as certificacións de obra oficiais, a data de 1 de maio só se levaba executado o 4 % do total do orzamento, na práctica as obras están paradas. Hai veciños e veciñas da zona que nos alertan de que non se están realizando traballos no inmoble”. Esta situación é “moi grave para os usuarios desprazados e os familiares dos mesmos que ven cada vez máis lonxe a data de volta á súa casa. É unha situación que levamos meses denunciando sen resposta do goberno municipal máis alá dalgunha nota de prensa intentando calmar os veciños e veciñas de Ribadeo.”

0.15201616287231