O BNG reclama o incremento dos coeficientes redutores para as persoas traballadoras do mar
O Bloque Nacionalista Galego reclama, a través das emendas rexistradas ao Proxecto de Lei de Pesca Sustentábel e Investigación Pesqueira, o recoñecemento de coeficientes redutores para os traballadores e traballadoras do servizo de Gardacostas de Galiza e para os observadores de pesca a bordo, coñecidos na Galiza como o colectivo denominado “Mostradores do Mar”. Así mesmo, a frente nacionalista demanda aumentar os coeficientes para colectivos como os mergulladores especializados na recolección de recursos mariños e mexilloeiros, percebeiros ou redeiras.
“O novo Proxecto de Lei de Pesca Sustentábel e Investigación Pesqueira debe ser unha oportunidade para actualizar a normativa e adaptala á realidade da actividade pesqueira do noso País” explica o deputado do BNG. Neste sentido, Néstor Rego fai fincapé nas emendas rexistradas para o recoñecemento de coeficientes redutores -e o aumento nalgúns casos- para varios colectivos do sector. “O estabelecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación procede cando non é posíbel a modificación das condicións de traballo e, nos casos que sinalamos, os colectivos soportan condicións de sinistralidade e perigo que apoian a nosa proposta” destaca.
Primeiro, o deputado nacionalista propón o recoñecemento de coeficientes redutores ao persoal funcionario do Servizo de Gardacostas de Galiza, reducindo a idade mínima estabelecida para a percepción da pensión de xubilación. “Defendemos que, para estas actividades, se aplique un coeficiente de 0,15 sen prexuízo da aplicación dun coeficiente superior e que se compute todo o tempo da prestación do servizo, con independencia do réxime de Seguranza Social en que se atopase a persoa funcionaria en cada momento” achega o deputado.
Así mesmo, a frente nacionalista defende o recoñecemento para as persoas traballadoras que exercen a súa actividade como observadores de pesca a bordo das embarcacións dedicadas á pesca de distintas artes. “Estas persoas realizan actividades de mostraxe, medicación, rexistro e control de diversos parámetros durante a navegación polo que están sometidas ás mesmas condicións de traballo e horarios que os propios mariñeiros. Hai que rematar con esta discriminación que sofren os mostradores do mar” asevera Rego.
“Debe aplicarse un maior coeficiente redutor -0,40- para as persoas que traballan na recollida de percebes, así como para os mergulladores en apnea para a recolección de recursos específicos, mergulladores industriais, acuicultores, dedicados á extracción de recursos mariños e os profesores de mergullo, traballos nos que a idade e as menores capacidades físicas poñen en risco a vida e a saúde das persoas que o desempeñan” reivindica o deputado nacionalista.
No relacionado coa profesión de marisqueo, recollida de algas e mexilloeiros, a frente reclama o incremento para aplicar un coeficiente de 0,30. “O mesmo coeficiente debería aplicarse tamén para os colectivos que desenrolan tarefas auxiliares en porto que, tradicionalmente no noso País como o das redeiras e aos que o proxecto de lei recoñece tan só o 0,15 ” afirma o deputado nacionalista.