O BNG reclama melloras nos accesos ás praias do Vicedo para garantir a seguridade e a accesibilidade

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar iniciativas na cámara baixa co obxectivo de mellorar os accesos ás principais praias do Vicedo. A petición céntrase nas zonas de Arealonga, San Román e Abrela, tres espazos naturais de gran valor turístico e paisaxístico que, segundo denuncia o deputado nacionalista, presentan deficiencias que dificultan o seu uso por parte da cidadanía.
Rego fai especial fincapé na necesidade de garantir a accesibilidade universal, especialmente na praia de Arealonga, onde propón instalar ramplas que salven o desnivel entre os camiños e a area. “Este areal de gran extensión é difícil de alcanzar para persoas con mobilidade reducida, polo que é urxente facilitar a súa entrada en condicións de seguridade e igualdade”, afirma.
En canto á praia de San Román, enclavada entre cantís, o deputado solicita a reparación da pasarela existente, actualmente soterrada pola area como consecuencia dos temporais e da erosión dos últimos anos. “Cómpre unha intervención inmediata que recupere o acceso de forma segura”, advirte.
Tamén a praia de Abrela precisa, segundo Rego, actuacións urxentes. O paseo de madeira que atravesa o complexo de dunas require mantemento e renovación, así como a mellora das pasarelas de entrada. “A posta en valor do litoral non pode entenderse sen unha aposta clara polo coidado dos accesos e a eliminación das barreiras”, sinala o deputado.
Desde o BNG insisten en que o Vicedo conta cun patrimonio natural de gran valor ecolóxico e turístico, que debe ser protexido sen renunciar á súa utilización responsable. “Falamos dunha fonte de riqueza para o concello que, ademais de conservarse, debe ser accesible para toda a poboación”, conclúe Rego.