O BNG reclama melloras en saneamento, transporte e estradas municipais en O Vicedo

AMariñaXa
Os nacionalistas reclaman melloras no sector gandeiro, no saneamento e na limpeza viaria
MIGUEL-FRAGA-GÓMEZ---BNG--VICEDO
26 Mar 2025

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de O Vicedo, a través do seu portavoz municipal Miguel Gómez Fraga, levará ao pleno municipal de hoxe varias demandas da veciñanza que, a pesar de ser aprobadas en sesións anteriores, seguen sen executarse pola alcaldía. Entre as cuestións pendentes atópanse melloras para o sector gandeiro, o saneamento público e a limpeza das vías municipais.

O BNG insiste na necesidade de que o goberno local avance no Plan de Melloras para o Sector Gandeiro, que inclúe medidas fundamentais para o sector e que contaron co apoio da alcaldía pero que aínda non foron postas en marcha. Entre elas destacan a concesión de subvencións para antenas de xeolocalización, facilitando así a localización do gando en caso de extravío, a creación dun punto de desinfección para o transporte de animais vivos, un servizo esencial para garantir a sanidade gandeira que xa foi aprobado en pleno pero que segue sen executarse, e a instalación dunha ITV móbil en Riobarba para vehículos agrícolas, tractores, remolques e apeiros, unha solicitude recorrente dos profesionais do sector que permitiría evitar desprazamentos longos e custosos para cumprir coa normativa. Así mesmo, Miguel Gómez lembra que en setembro de 2023 foi aprobada unha moción do BNG para que O Vicedo sexa recoñecido como Zona de Gandaría de Montaña, co fin de que os gandeiros poidan acceder a axudas específicas. Con todo, o concello non realizou ningunha xestión ante as administracións competentes para conseguir esta cualificación.

Outra das peticións que o BNG trasladará ao pleno é a mellora da limpeza e desbroce das estradas municipais. Gómez Fraga considera que, dado que O Vicedo é un concello moi extenso, é necesario reforzar o servizo cun novo peón tractorista, permitindo así desbroces en quenda de mañá e tarde para manter en mellor estado os camiños e estradas locais.

A problemática do saneamento público tamén será tratada no pleno. Segundo explica o portavoz do BNG, o 80% da poboación do municipio carece de rede de saneamento público. Conscientes de que a instalación dunha rede xeral a curto prazo resulta complicada, os nacionalistas propoñen unha liña de subvencións para mellorar os sistemas de saneamento autónomo e o baleirado de fosas sépticas.

O BNG propón que o financiamento destas axudas se realice a través do Fondo de Compensación Ambiental e que previamente se realice un rexistro das instalacións de saneamento existentes no concello para establecer normas e baremos claros que regulen estas subvencións.

“Levamos de novo estas propostas ao pleno porque queremos saber por que a alcaldía vota a favor das nosas iniciativas pero despois non as leva a cabo”, afirma Miguel Gómez, quen insiste en que todas estas demandas son urxentes para a mellora da calidade de vida na comarca.

⚙ Configurar cookies
0.068542957305908