O BNG reclama máis investimento para A Mariña nos orzamentos da Xunta de 2026

AMariñaXa
Os nacionalistas presentan 28 emendas que duplican a contía prevista polo Goberno galego para a comarca
BNG-Marina-con-Ana-Ponton-2025
14 Nov 2025

O BNG fixo públicas as emendas que diferentes agrupacións locais remitiron ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2026. Para a formación nacionalista, o documento presentado polo Goberno galego volve repetir o patrón doutros anos, con partidas “claramente insuficientes” para A Mariña, onde —segundo subliñan— os investimentos directos apenas superan os 18 millóns de euros. “Son contas que lle dan as costas á comarca. A Mariña merece máis”, advertiu o deputado Daniel Castro, quen destacou que as emendas do BNG duplican esa cifra.

Vivenda, solo industrial e impulso ao emprego

As propostas nacionalistas inclúen varias actuacións en materia de vivenda. O BNG defende a compra de inmobles baleiros en Foz para incrementar o parque público, especialmente nun municipio marcado polo forte incremento dos prezos e pola presenza masiva de vivendas destinadas ao uso turístico. Tamén propoñen construír vivendas de promoción pública no Valadouro, onde o Concello dispón xa de terreos, e urxen a activar o programa REXURBE en Mondoñedo, “cos prazos reiteradamente incumpridos pola Consellería”.

No eido económico, o BNG considera imprescindible ampliar o solo industrial dispoñible para atraer investimentos e favorecer a creación de emprego. Por iso, solicita novas dotacións en Barreiros, A Pontenova, Muras e O Valadouro. En paralelo, reclaman a posta en marcha dun Plan de Emprego para A Mariña que permita paliar a perda de actividade derivada do peche de empresas nos últimos anos.

Sanidade, infraestruturas e ciclo integral da auga

No ámbito sanitario, e cunha visión de país, o BNG propón reforzar a atención primaria cun novo modelo e con máis inversión. Entre as peticións específicas para A Mariña figura a recuperación do segundo técnico de emerxencias sanitarias da ambulancia medicalizada con base en Foz, suprimido polo PP en 2019. Reclaman ademais unha praza de enfermaría especialista en obstetricia-xinecoloxía e outra de nutricionista no centro de saúde foceño.

As emendas tamén inclúen partidas para mellorar o ciclo integral da auga: financiamento da EDAR de Barreiros; saneamento en Suegos (O Vicedo); mellora da rede de abastecemento e modernización da ETAP de Viveiro; melloras na rede de Xove; e a limpeza e drenaxe do encoro do Río Baos, en Lourenzá, para garantir a calidade da captación.

No apartado de infraestruturas, os nacionalistas volven reclamar o impulso da VAP Costa Norte entre San Cibrao e Ferrol. Lembran que os 4 millóns incluídos ano tras ano “nin son suficientes nin se executan”. Tamén solicitan a reforma integral da estrada LU-161 que conecta Viveiro, Ourol e O Valadouro.

Educación: melloras e nova oferta formativa

En materia educativa, o BNG demanda diversas actuacións en Burela, como o cubrimiento e peche das pistas deportivas do CEIP Vista Alegre e do IES O Perdouro, a mellora da accesibilidade en varios centros e obras estruturais no IES burelá, incluída a reparación do valado exterior.

Para Foz, piden ampliar a oferta educativa no IES, con especial atención á formación ligada á hostalaría e ao turismo. Tamén propoñen redefinir o programa “Retorna Talento”, apostando por crear ciclos atractivos que garantan oportunidades para a mocidade da comarca.

Terceiro xulgado en Viveiro

Outra emenda destacada é a creación dun terceiro xulgado no partido xudicial de Viveiro. Segundo denuncia o BNG, estes órganos soportan unha carga de traballo que supera o 200%, o que provoca atrasos que afectan a máis de 45.000 habitantes dos concellos de Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz.

Outras propostas para o territorio

As emendas restantes completan un documento no que tamén se inclúe o remate da senda peonil entre Alfoz e O Valadouro, a recuperación ambiental do río Masma ao seu paso por Barreiros e Foz, a construción dun paseo fluvial no Río Baos de Lourenzá e unha partida específica para obras de mellora no Centro de Día laurentino.

⚙ Configurar cookies
0.06413197517395