O BNG reclama á Xunta investimentos urxentes nos centros educativos de Burela

O portavoz do BNG en Burela, Mario Pillado, volveu reclamar á Xunta de Galicia que atenda as necesidades urxentes dos centros educativos do municipio, despois de que pasase un ano desde que o deputado mariñao Daniel Castro levara ao Parlamento as demandas da comunidade escolar. A situación, segundo subliñou Pillado, continúa practicamente igual, “con moitas carencias sen resolver e con outras novas que seguen aparecendo”.
O concelleiro de Educación lembrou que Burela conta con catro centros que suman uns 1.350 alumnos e alumnas, pertencentes a máis de 40 nacionalidades distintas. “É unha realidade diversa, enriquecedora e positiva, pero que require un esforzo adicional en recursos e planificación”, destacou.
Para facer fronte a esta situación, o deputado Daniel Castro presentará a través do Grupo Parlamentario do BNG catro emendas aos Orzamentos da Xunta de 2026, co obxectivo de dotar de partidas específicas para mellorar as instalacións educativas de Burela.
As emendas abranguen actuacións en catro frontes principais. A primeira refírese á cuberta e ao peche das pistas polideportivas exteriores do CEIP Vista Alegre e do IES O Perdouro, unha vella demanda das direccións e da comunidade educativa para garantir espazos de lecer e actividade física tamén nos meses de inverno.
A segunda céntrase na mellora da accesibilidade en centros con edificios antigos e complexos, como o CEIP Os Castros e o IES O Perdouro, “onde o alumnado con mobilidade reducida atopa serias dificultades para desprazarse entre instalacións”, explicou Pillado.
A terceira liña propón melloras na eficiencia enerxética, cunha renovación de iluminación, portas e ventás para reducir custos e mellorar o confort interior nos centros máis antigos.
Finalmente, o BNG pide tamén fondos para acometer reformas estruturais e reparar o valado exterior do IES Perdouro, danado tras un accidente o pasado curso. “O peche provisional non é suficiente, e tamén se require trasladar a cancela de acceso e revisar os piares dos edificios, moi deteriorados”, sinalou o edil nacionalista.
Pillado concluíu que o conxunto destas actuacións, valoradas en arredor de dous millóns de euros, son “imprescindibles para garantir unha educación pública digna e segura nun concello como Burela, que se caracteriza pola súa diversidade e dinamismo”.