O BNG reclama a reunión urxente da Comisión de Seguimento dos GES para abordar o peche do servizo de Cervo

AMariñaXa
Os nacionalistas levarán aos plenos municipais da Mariña unha moción para esixir a reapertura do servizo de emerxencias que atende a máis de 30.000 habitantes
BNG-Mariña-2026-plenos-ges-cervo
13 Mar 2026

O Bloque Nacionalista Galego anunciou que presentará nos plenos municipais de varios concellos da Mariña unha moción para reclamar a convocatoria inmediata da Comisión de Seguimento do convenio dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) co obxectivo de abordar a situación do GES de Cervo, que permanece pechado na actualidade.

Esta iniciativa xorde despois de que o pasado 24 de febreiro o pleno da Deputación Provincial aprobase por unanimidade, a proposta do BNG e dos propios traballadores do servizo, unha iniciativa para tratar esta problemática. Naquel acordo, todos os grupos políticos da institución provincial instaban á Xunta de Galicia, ás deputacións provinciais e á FEGAMP a convocar con carácter urxente a Comisión de Seguimento do convenio dos GES para analizar especificamente o caso de Cervo.

A finalidade desa reunión sería definir as medidas necesarias que permitan a reapertura do servizo e garantir a cobertura de emerxencias na comarca da Mariña, especialmente nos concellos de Alfoz, O Valadouro, Xove, Burela, Foz e Cervo, que forman parte da área de actuación deste grupo.

Segundo explicou o BNG, a pesar de que xa pasaron varias semanas desde a aprobación daquela proposta no pleno provincial, a Comisión de Seguimento aínda non foi convocada. Por este motivo, os concelleiros e concelleiras nacionalistas destes municipios trasladarán aos respectivos plenos a mesma moción aprobada pola Deputación, co obxectivo de aumentar a presión institucional para que se produza esa reunión coa maior rapidez posible.

Representantes do BNG realizaron ademais unha comparecencia pública esta tarde diante das instalacións do GES de Cervo, na que tamén estiveron presentes traballadores do servizo de emerxencias. Durante a rolda de prensa, os representantes nacionalistas insistiron na importancia de recuperar canto antes este recurso para garantir a seguridade da comarca.

O deputado provincial Daniel García lembrou que o peche do servizo responde á decisión adoptada pola alcaldía de Cervo tras unha sentenza xudicial que declaraba o incumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais. Para o representante do BNG, a situación actual resulta especialmente preocupante porque deixa sen este servizo a varios concellos da Mariña.

“A situación de peche indefinido do GES de Cervo é moi preocupante porque está privando dun servizo fundamental en materia de seguridade aos concellos de Cervo, Xove, O Valadouro, Alfoz, Foz e Burela, que suman máis de 30.000 habitantes”, sinalou. García destacou ademais que se trata dunha zona cunha importante actividade económica, tanto no ámbito pesqueiro como industrial, así como con áreas rurais nas que a poboación se atopa moi dispersa, polo que considera imprescindible restablecer este servizo de emerxencias canto antes.

Pola súa banda, o concelleiro do BNG en Cervo, David Villares, referiuse tamén á situación na que se atopan os traballadores e traballadoras do GES tras o peche do servizo. O edil nacionalista insistiu en que é necesario recuperar a actividade do grupo de emerxencias en condicións adecuadas para garantir unha atención eficaz á cidadanía.

Villares asegurou que “é necesaria a reapertura inmediata do servizo de emerxencias e nas debidas condicións para os traballadores, para poder dar un servizo eficaz ao noso concello e aos concellos da zona”. Ademais, criticou a xestión realizada pola alcaldía de Cervo ao longo deste proceso, que cualificou de desordeada, ao considerar que o resultado final foi o peche dun recurso esencial para a comarca.

0.12448501586914