O BNG reclama a reforma inmediata das pontes de Valdesuso e Sacido no Vicedo polo seu grave deterioro

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe a reforma integral das dúas pontes que atravesan a vía férrea de ancho métrico (antiga liña FEVE) no concello do Vicedo, ao considerar que se atopan nun estado de degradación preocupante que pon en risco tanto ao tráfico rodado como ás persoas peóns. Así o manifestou o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, quen vén de rexistrar iniciativas parlamentarias para instar ao Ministerio de Transportes e a ADIF a actuar de maneira inmediata.
As estruturas afectadas son as situadas nas parroquias de Valdesuso e Sacido, pasos viarios que, segundo o deputado, non cumpren nin os mínimos estándares de seguridade. A plataforma estreita, curvas perigosas e a ausencia ou deterioro das varandas de protección son só algúns dos problemas detectados.
Durante unha visita recente ás zonas afectadas, Rego estivo acompañado polo portavoz municipal do BNG no Vicedo, Miguel Gómez, polo responsábel comarcal na Mariña, Antón Veiga, así como por militantes e veciñanza da localidade. “Estas pontes non se poden seguir utilizando nestas condicións. Falamos de riscos reais e diarios para a poboación local”, advertiu Rego.
A ponte de Valdesuso, próxima ao lugar do Espiño, apenas permite o paso dun único vehículo, e a curva que a precede, de visibilidade reducida, acumula múltiples accidentes. Parte da varanda de seguridade está rota ou directamente ausente, quedando tan só unha cinta policial como aviso do perigo, tras o último sinistro rexistrado. “É unha situación insostíbel. Os veciños non poden agardar a unha desgraza para que se actúe”, denunciou o deputado.
A situación non mellora en Sacido, onde outra ponte próxima ao apeadoiro do Vicedo presenta tamén problemas estruturais e de seguridade. A curva existente nun dos seus extremos xera saídas de vía frecuentes, e a protección lateral foi substituída, en moitos tramos, por cintas de plástico en lugar de sistemas estables.
Ademais do perigo para o tráfico, a total ausencia de beirarrúas ou medidas para peóns agrava o risco de accidente. Por iso, Rego insiste en que é necesaria unha reforma global, que inclúa corrección do trazado, ampliación da calzada e instalación de elementos seguros para a circulación peonil e viaria.
No Congreso, o BNG tamén pregunta ao Goberno se é coñecedor do estado actual destas infraestruturas, cando foron revisadas por última vez por ADIF e se existen informes técnicos sobre o seu deterioro. Ademais, reclama que se estude a posibilidade de acometer as reformas en coordinación co Concello do Vicedo, atendendo ás demandas da veciñanza.
“Non se trata só de cuestións técnicas, senón de dereitos fundamentais: mobilidade segura, acceso a servizos de emerxencia e protección da vida humana. O Estado debe responder con responsabilidade e dilixencia”, concluíu Rego.