O BNG reclama a posta en marcha do servizo de fisioterapia no centro de saúde de Mondoñedo
O deputado nacionalista mariñao Daniel Castro rexistrou a semana pasada no Parlamento Galego unha Proposición non de Lei para que a aula de fisioterapia do Centro de Saúde de Mondoñedo conte de xeito urxente con persoal para impartir o servizo.
O BNG apunta que desde hai varios anos o Sergas creou a praza de fisioterapeuta en Mondoñedo para atender a doentes dos Concello de Mondoñedo e Lourenzá, pero ata que o BNG local en maio do 2018 reclamou no Concello a necesidade de que se impartise ese servizo na cidade, "non se soubo nada máis".
Deste xeito, "ata chegados a decembro do 2020 a Xunta de Galicia non anunciou que comezarían as obras de acondicionamento dunha sala no Centro de Saúde de Mondoñedo nas que poder ofrecer un servizo de calidade", din.
Pasados varios meses e ata o mes de abril do 2022 "non se dan por acabadas as obras no centro, pero contrariamente ao agardado polos nacionalistas, a día de hoxe a aula segue sen persoal e veciñanza de Mondoñedo e Lourenzá seguen tendo que ir a Foz para poder recibir tratamento fisioterapéutico".
Segundo denuncia Daniel Castro, que estivo en Mondoñedo acompañado do portavoz municipal Eloi Cabanas e membros do BNG Local presentado a iniciativa. “Estamos aquí ante un novo exemplo da política sanitaria da Xunta de Galiza que se basea en moita propaganda e moi pouco persoal sanitario, xa que a pesar de ter a sala especializada lista desde hai varios meses os habitantes de Mondoñedo e Lourenzá seguen sen poder contar cun servizo de proximidade digno do século XXI”.
As obras para habilitar a nova área de fisioterapia supuxeron unha inversión de algo máis de 65.000€ e agora o centro conta cunha sala de exercicios con tres boxes de tratamentos para electroterapia, microondas e ondas de choque, dúas padiolas de tratamentos, dous ergómetros, unha mesa de mans, unhas espaleiras dun metro, paralelas e escaleira con rampla, entre outro material para a realización das terapias físicas e tratamentos recuperadores ou rehabilitadores dos pacientes.
O portavoz municipal, Eloi Cabanas insta a Xunta a que explique a tardanza na dotación de persoal para o Centro de Saúde mindoniense e pide fixar unha data aproximada para a posta en marcha do servizo. “Preguntamos no último pleno por este asunto e o alcalde evitou darnos unha data concreta e tendo en conta que a praza está orzamentada e consolidada na RPT do Sergas seguimos sen entender toda esta demora do servizo” conclúe.