O BNG reclama a participación das mulleres na elaboración do estatuto das mariñeiras

AMariñaXa
Carmela González avoga por acoller na redacción a todas as que viven e traballan na costa galega
carmela-gonzalez-mulleres-do-mar
18 Oct 2025

A deputada nacionalista Carmela González trasladou ao Parlamento galego as “propostas en positivo” do BNG tanto para a creación do Observatorio de Mulleres Rurais e do Mar como do Estatuto das mulleres do sector marítimo-pesqueiro, que o Goberno do PP segue, no primeiro caso, sen poñer en marcha e, no segundo, sen aprobar.

Nunha proposición non de lei presentada na comisión de Pesca e Marisqueo, González defendeu en primeiro lugar que estas dúas figuras non se limiten só ás mulleres que traballan no sector marítimo-pesqueiro, senón que inclúan ao conxunto daquelas que viven e traballan na costa galega. Por iso, avogou por modificar o nome do Estatuto para garantir que se acolle a todas as mulleres do litoral pasando a denominalo Estatuto das Mulleres do Mar.

En segundo lugar, propuxo abrir un procedemento de diálogo tanto para a creación do Observatorio como para a redacción do Estatuto no que participen as asociacións de mulleres, ás que tamén considerou preciso remitir o borrador do anteproxecto, ao igual que aos grupos parlamentarios e ao conxunto da cidadanía, para abrir un “debate real” e garantir “unha norma plural e consensuada”.

A deputada nacionalista defendeu tamén regular a creación do Observatorio e do Estatuto mediante unha lei, tal e como se fixo noutras comunidades do Estado, e no vía decreto, como pretende o Executivo de Alfonso Rueda. “Non serve un decreto porque non permite unha tramitación transparente e plural no que poida participar toda a cidadanía galega”, remarcou.

De igual xeito, avogou por derrogar o artigo 30 da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, pola que se modificaba a composición do Observatorio, “vetando a participación” das asociacións de mulleres.

“O que fixeron vostedes foi botar fora da composición do Observatorio ás asociacións de mulleres”, recriminou aos populares, cos que confrontou a lexislación andaluza neste ámbito de actuación.

“O deseño, a elaboración, o desenvolvemento e a avaliación das políticas, plans, programas e estratexias que elabora a Administración da Junta de Andalucía no marco da Política Agraria, Agroalimentaria, Pesqueira e de Desenvolvemento Rural, realizarase coa participación das asociacións de mulleres de ditos sectores”, citou, para preguntar a continuación ao PP se coñecían o texto.

“Isto é o Boletín Oficial da Junta de Andalucía e quen firma esta lei é Moreno Bonilla”, aclarou, para concluír a continuación que “o Partido Popular de Galiza está adiantando pola dereita a VOX en política de igualdade”.

Tras pedir ao PP que rectifique esta decisión, a deputada nacionalista tamén defendeu unha representación paritaria en todos os órganos nos que se toman decisións sobre o sector, así como medidas de apoio para impulsar o traballo feminino e mellorar as súas condicións laborais e actuacións de sensibilización e formación en materia de igualdade. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.

⚙ Configurar cookies
0.065925121307373