O BNG propón un plan integral de reforma e mellora da N-640 ante as múltiples deficiencias que presenta
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar na cámara baixa unha proposta para que o Ministerio de Transportes aprobe un Plan Integral de reforma e mellora da N-640, dadas as numerosas deficiencias, problemas de seguranza viaria e mal estado do firme en moitos tramos do seu percorrido.
A N-640 atravesa Galiza desde A Mariña (Ribadeo) até Vilagarcía de Arousa, “sendo o principal eixo de comunicación viaria entre Lugo e Pontevedra posto que non hai alternativa dunha vía de alta capacidade. De aí a necesidade de mellorar o seu estado”, subliña Rego.
Unha vía que funciona como travesía urbana
Outro factor a ter en conta é que esta vía conecta localidades e funciona como a principal travesía urbana en municipios de Lugo como Meira, Monterroso, A Pontenova, ou Antas de Ulla. Neste sentido, indica o deputado do BNG, serían precisas medidas de calmado de tráfico: sinais de redución de velocidade, semáforos, pasos de peóns ou pasos elevados como se tén reclamado desde A Pontenova, donde xa hai un ano Rego reuníuse con membros da Asociación de Comerciantes que xunto con representantes do Bng local e comarcal lle trasladaran a necesidade de que o Ministerio de Transportes acometera as obras e melloras precisas para reducir a sinistralidade nesta estrada que está considerada a segunda máis perigosa de Galiza e que atravesa o casco urbano da Pontenova e serve de principal comunicación coa cidade de Lugo.
A substitución de sinais, pasos elevados e mesmo a colocación de semáforos ámbar redutores de velocidade son algunhas das propostas do Bng que demanda un Plan Integral de mellora e rehabilitación da N-640 para que esta estrada adquira o perfil de travesía urbana ao seu paso polo núcleo urbano de A Pontenova, co obxecto de contribuir a humanizar o centro da vila que conta cunha importante actividade comercial.
Mal estado do firme e tramos perigosos
É preciso corrixir tramos perigosos como o situado entre Meira e Trabada e habilitar tamén carrís para vehículos lentos no tramo de subida a Marco de Álvare.
Rego conclúe que “toda esta listaxe de problemas é mellor abordalos mediante un Plan Integral que recolla actuacións como as sinaladas e ofrezan solucións para unha estrada que como outras de titularidade estatal foi superada pola evolución da poboación por onde discorre, alcanzando características de vía urbana pero sen tela adaptado a este perfil. Noutra orde, faise imprescindíbel enfrontar os problemas derivados da propia configuración da vía. A mellor maneira de solucionar todos estes problemas é cun Plan Integral”.