O BNG propón un Plan de Industrialización e Emprego para A Mariña
O BNG propuxo no Parlamento o deseño dun Plan de Industrialización e Emprego para A Mariña, cun orzamento consignado para o primeiro trimestre de 2023. Ademais, propuxo a activación dun Plan de Desenvolvemento Industrial que forneza a innovación galega, diversifique a súa economía e unha compensación á exportación de enerxía eléctrica producida en Galiza mediante a rebaixa nas peaxes.
“Pedimos que lle demanden ao Estado que se exportamos enerxía eléctrica teñamos un abaratamento das peaxes, pedimos que exista certeza xurídica, participación cidadá e custodia medioambiental”, esixiu Daniel Castro. O deputado do BNG acusou ao Goberno do PP de ser “o maior inimigo da empresa galega, porque non salvan ningunha e non conseguen que se instale ningunha outra”, en referencia á parálise que os Populares provocan no progreso da economía da Mariña mediante “a paralización dos polígonos industriais de Valadouro e Muras”. Castro tamén denunciou “os incumprimentos continuados” de Alcoa á hora de reabrir as cubas e aplicar o plan de inversións.
Neste sentido, recriminou a atitude dun PP “que quere empregar a situación de Alcoa e o sufrimento da xente para que os seus amigos gañen máis diñeiro colocando eólicos onde a lei non lles deixa”, dixo en referencia aos procesos de tramitación de novos parques eólicos fóra da área de Desenvolvemento Eólico, “se os postos de traballo en Alcoa non se manteñen, que vai pasar con estes parques eólicos?, preguntoulle á bancada popular.
A alternativa do BNG para unha Galicia onde a enerxía e a sostibilidade non están en conflito
O parlamentario nacionalista criticou a política “de balóns fóra” do goberno central e o Goberno do PP, “cando sae o Estado, sae Conde, cando sae unha ministra, sae o presidente da Xunta”, ironizou. Ademais, demandou á Xunta “cumprir coas súas obrigas” e esixirlle ao goberno central para “esixirlle a Alcoa a realizar as inversións pactadas para garantir o rearranque das cubas para xaneiro do 2024” e manter deste xeito todos os postos de traballo. Incidiu, tamén, na diversificación da economía da Mariña, “porque o PP é moi de pensar que só se pode vivir de Alcoa, pero precisamos diversificación industrial para garantir o benestar”.
Castro defendeu a alternativa de goberno do BNG, “que cre, como marcan os nosos tempos, na participación pública do sector, xa que como din as traballadoras e traballadores de Alcoa, a solución é a intervención”.
Dentro das propostas, ademais do Plan de Industrialización e Emprego e o de Desenvolvemento Industrial, inclúese a planificación enerxética de Galiza para aproveitar o potencial a exportación eléctrica do País, ordenar o sector e dar certeza xurídica á protección do medioambiente. Propostas todas que se atoparon coa falta de debate e desinterese dun Goberno do PP esgotado e sen propostas de futuro para o crecemento e progreso da Mariña lucense.