O BNG propón outro modelo de residuos na Mariña tras o novo canon de Sogama

AMariñaXa
Segundo as previsións, o canon por tonelada pasará dos 68 euros en 2024 aos 108 euros en 2025
protesta-bng-canon-sogama
18 Out 2024

O BNG vén de denunciar o que consideran un "sablazo" para os concellos galegos, logo de que o goberno autonómico anunciase un novo incremento do canon de SOGAMA para 2025. Segundo as previsións, o canon por tonelada pasará dos 68 euros en 2024 aos 108 euros en 2025, o que suporía un aumento acumulado superior ao 60%. Este incremento segue ao aprobado en xullo de 2024, cando se aplicou unha suba do 30 %.

O Bloque Nacionalista Galego convocou unha rolda de prensa en Barreiros, diante da planta de transferencia de Sogama, para expresar a súa oposición a esta medida. Compareceron membros dos gobernos e cogobernos municipais nacionalistas na comarca, xunto con Lois Pérez Castrillo, membro da executiva nacional do Bng e responsable de política municipal, o responsable comarcal Antonio Veiga, o deputado no Parlamento Daniel Castro e participou tamén Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros que forma parte da executiva da FEGAMP e é a vicepresidenta da Mancomunidade de Municipios da Mariña.

O BNG está a desenvolver unha intensa e contundente campaña con iniciativas no Parlamento e nos concellos, para que tanto a cámara galega como as corporacións municipais se posicionen en contra do que consideran un novo ataque da Xunta ás economías municipais, xa moi deterioradas e mermadas polo déficit de financiamento e pola asunción de novas competencias sen o necesario trasvase de recursos. “É o momento de dicir basta, de plantarlle cara ás decisións unilaterais e abusivas da Xunta. Por iso chamamos á rebelión democrática dos concellos contra o abuso de poder, a imposición e o desprezo á autonomía municipal”, declarou Ana Ermida que denunciou tamén a actitude da Xunta.

“En lugar de abrir un debate sobre a cuestión dos residuos e introducir cambios no sistema de xestión para adaptalo ás exixencias da directiva marco de residuos, a Xunta opta por facerlle pagar aos concellos o fracaso dun sistema centralizado, obsoleto, moi costoso e antiecolóxico e opta tamén pola solución fácil: un novo sablazo aos concellos seguindo co seu modus operandi de buscar culpables en lugar de propoñer solucións”. Xunto con este rexeitamento ao novo canon, o BNG propón un xiro na política de residuos, primando e incentivando a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe, fronte ao costoso e antiecolóxico sistema actual baseado na incineración e o vertido, solucións que supoñen o 80 % dos residuos tratados nas instalacións de Cerceda e que están penalizadas pola normativa europea, recalcan.

Defenden que debería ser prioritaria, a recollida separada e compostaxe dos biorresiduos, supoña un ridículo 0,3 % dos residuos xestionados cando supoñen case o 50 % do total dos residuos municipais. “Hai que comezar xa a tomar medidas para avanzar cara ao obxectivo do 55 % de reciclaxe establecido pola normativa europea, estatal e galega”, concluíu o deputado Daniel Castro.

0.098227024078369