O BNG propón medidas para frear a perda de vivenda habitual en Viveiro

AMariñaXa
A formación nacionalista insta a priorizar os alugueiros anuais e a preservar o tecido comercial fronte á especulación
miriam-bermudez-BNG-Viveiro
30 Jun 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro vén de presentar unha moción coa que pretende poñer freo á crecente dificultade para acceder a unha vivenda habitual no municipio. A proposta, que será debatida no vindeiro pleno municipal, aposta por unha ordenación urbanística que responda ás necesidades reais da veciñanza fronte á expansión das vivendas de uso turístico.

Na actualidade, segundo datos oficiais, Viveiro conta con 491 vivendas turísticas rexistradas, unha cifra que —segundo denuncia o BNG— “ten un impacto directo na dispoñibilidade de alugueiros de longa duración e está a encarecer os prezos ata niveis inasumibles para moitas persoas”.

“Queremos un Viveiro vivo e habitado”, manifestou a portavoz municipal da formación, Míriam Bermúdez. “Para iso, temos que garantir que quen queira vivir aquí poida facelo, con prezos asumibles e opcións reais de alugueiro ou compra”.

Entre as medidas que se recollen na moción, destaca a proposta de modificar o deseño urbanístico vixente para darlle prioridade á vivenda habitual fronte ao uso turístico. O BNG tamén aposta pola creación dunha ordenanza específica para preservar os baixos comerciais do casco urbano, garantindo que conserven o seu uso tradicional. O obxectivo é frear a especulación inmobiliaria e protexer o pequeno comercio, clave para manter a actividade social e económica da vila.

A formación nacionalista tamén reclama que estas medidas se integren no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), co fin de garantir o seu cumprimento efectivo e consolidar un modelo urbanístico ao servizo do interese común.

“A nosa intención é abrir un debate construtivo sobre o tipo de vila que queremos”, sinala Bermúdez. “Queremos que Viveiro siga sendo un lugar no que se poida vivir, traballar e criar unha familia, sen ter que marchar por falta de vivenda”.

miriam bermudez BNG Viveiro
⚙ Configurar cookies
0.17366194725037