O BNG propón crear un carrilbici entre Lodeiro e Celeiro
O BNG de Viveiro propón quitar o enreixado existente que vai desde o antigo Casino até Celeiro para deixar un paso libre, aberto e de uso e desfrute da veciñanza. "Un enreixado que non permite desfrutar da zona portuaria envidiábel coa que contamos, e tamén innecesario ao contar xa os pantaláns cos seus propios peches", di a voceira nacionalista Míriam Bermúdez.
Bermúdez, asegura que quitar esta verxa suporía "unha oportunidade para novos usos públicos, tan só abrindo novos accesos para vehículos e peóns, está a oportunidade de crear aparcamentos nas zonas que están máis perto dos edificios, ambulatorio e comercio”.
Entre as posibilidades que ofrecería abrir este novo espazo, os nacionalistas destacan tamén a "creación dun carrilbici que una Viveiro e Celeiro cunha vía cómoda e segura para bicicletas e patíns eléctricos”, afirmou Bermúdez.