O BNG propón bonificacións na factura da auga pola contaminación do río Landro

AMariñaXa
Míriam Bermúdez solicita compensacións económicas para as familias e negocios que tiveron que mercar auga embotellada tras a crise da subministración
miriam-bermudez-BNG-Viveiro
9 Jun 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro, a través da súa voceira municipal, Míriam Bermúdez, propuxo ao goberno local estudar a posibilidade de aplicar descontos na factura da auga ás persoas que se viron afectadas pola recente contaminación do río Landro. A situación obrigou a numerosos fogares e establecementos a recorrer á compra de auga embotellada para o seu consumo diario, asumindo un gasto inesperado.

Segundo sinalou Bermúdez, “moitas familias tiveron que facer fronte a un desembolso extraordinario e non previsto, polo que consideramos que o Concello debería dar un paso adiante e aplicar unha redución proporcional na próxima factura da auga”. Para a nacionalista, sería “un xesto de responsabilidade e sensibilidade” coa veciñanza que, na práctica, “está pagando dúas veces pola mesma auga”.

A proposta do BNG ten, segundo explican, un carácter puntual e excepcional, dirixido unicamente a paliar o impacto económico dun problema alleo á cidadanía. A medida, apuntan, beneficiaría especialmente aos núcleos de poboación máis prexudicados pola situación do subministro, como algunhas parroquias do rural.

Bermúdez expresou a súa esperanza en que o executivo municipal atenda a iniciativa con boa disposición: “Non se trata de buscar confrontación, senón de sumar esforzos e dar respostas xustas ás persoas que sufriron as consecuencias dunha situación que nin provocaron nin puideron evitar”.

Desde o BNG reiteran tamén o seu compromiso coa defensa do río Landro e a calidade da auga en Viveiro. “Seguiremos traballando, desde a cooperación e o diálogo, para garantir que non se repitan episodios como este”, concluíu a portavoz.

miriam bermudez BNG Viveiro
⚙ Configurar cookies
0.18600988388062