O BNG presentou as súas propostas ao sector lácteo en Remourelle

AMariñaXa
O BNG presentou as súas propostas ao sector lácteo en Remourelle para analizar propostas e solucións diante da difícil situación
rurben arroxo domus mitreo
31 Mar 2022

Os deputados Xosé Luis Rivas “Mini” e Daniel Castro, mantiveron unha reunión con gandeiros da zona na parroquia ribadense de Remourelle, limítrofe con Barreiros, para analizar propostas e solucións diante da difícil situación que atravesa o sector agrogandeiro.

SITUACIÓN INSOSTIBLE NAS EXPLOTACIÓNS

"As explotacións lácteas que aínda quedan neste país e na comarca corren moitas delas un serio perigo de peche", dixeron, "en Galicia prodúcese o 45% do leite de todo o Estado. Un produto de superior calidade e cun medio de produción baseado na superficie agraria que en boa medida sustenta á alimentación e dá espazo á cabana gandeira". Para o BNG, boa parte deste sector amosa unha dependencia perigosa dos insumos esóxenos que na volatilidade dos seus prezos, periodicamente, someten a duras probas a viabilidade destas explotacións. "A esto hai que sumar a suba dos oligopolios da eléctricas e dos combustibles que fan insostible a situación, que nas últimas semanas se volveu caótica, aínda que" como afirman os nacionalistas, "este problema do elevado custe dos insumos non se pode xustificar nin coa  guerra ruso-ucraína nin coa pandemia, pois o problema é moi anterior".

INTERLOCUCIÓN CO SECTOR E FIXAR CUSTES DE PRODUCIÓN 

Os deputados denunciaron a impasibilidade dos goberno da Xunta e do Estado, o da Xunta coa súa teimosa negativa a actuar de árbitro ou intermediario e o Goberno do Estado que “se lava as mans logo de facer unha burla de lei da chamada Lei da Cadea Alimentaria que teoricamente obriga a que os prezos en orixe dos alimentos se adapten ao que custa producilos, pero que na práctica non establece mecanismos para que eso se cumpla, por eso instan ao Goberno do Estado a fixar na práctica uns custes de producción vinculantes e obrigatorios".

Instan tamén á Xunta a promover un Foro de encontro, debate e negociación, arbitrado e moderado pola Consellería de Medio Rural, donde estean representados todos os actores da cadea de produción e obtención do leite e derivados.

En definitiva, e dada tamén a crítica situación actual, o BNG demanda do goberno do Estado e da Xunta de Galiza a protección do sector agro-gandeiro evitando a venda a perdas, impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración e impulsando axudas polo incremento dos custes de produción, singularmente enerxía e combustibles.

MANIFESTACIÓN

Desde o BNG animan a todos os sectores económicos da Mariña e á sociedade en xeral a acudir á manifestación do domingo 3 de abril en Santiago de Compostela, ás 12:00 con saída da Praza 8 de marzo/Porta do Camiño e remate na Praza da Quintana. Haberá autobuses e quen o desexe pode anotarse no tfno 982 140 654 ou no correo amarinha@bng.gal 

0.23690390586853