O BNG presentou a súa candidatura á Alcaldía do Vicedo

AMariñaXa
O BNG presenta a Miguel Gómez Fraga como candidato á Alcaldía de O Vicedo. Mantedor mecánico na factoría de Alcoa
VICEDO BNG candidatura 2023
5 Maio 2023

O BNG presentou a súa candidatura á alcaldía do Vicedo que encabeza Miguel Gómez Fraga, mantedor mecánico na factoría de Alcoa e tamén gandeiro. Este vicedense de 31 anos, vinculado así mesmo ao mundo do motor a través de equipos de rally, lidera unha candidatura con ideas claras, con proxecto e vontade de sumar. Pecha a mesma Néstor Rego, deputado no Congreso e vicedense da parroquia de Cabanas.

“Imos traballar coa máxima ambición e imos dar o mellor de nós. O noso obxectivo é obter o mellor resultado posible para levar adiante o noso proxecto municipal co que queremos liderar a mellora e o avance que desexamos para O Vicedo, para que teña un horizonte de futuro” manifestou Gómez Fraga, que engadíu tamén que “somos conscientes que no noso concello hai persoas que queren, coma nós, o mellor para O Vicedo, polo que queremos dialogar, sumar e contar con quen tén boas ideas para mellorar a vida das veciñas e veciños e para facer valer os intereses do noso concello”.

No número 2 figura Adrián Piñón Domínguez, que foi concelleiro tamén na corporación vicedense. No numero 3 vai Xosé Penabade González e no 4 Susana Riveira, no seu día tamén concelleira do BNG. Continúa a lista con Jaime Baltar Infante no nº 5, Chus Polo Pigueiras no 6, Sandra Gómez no 7, Xosé Riveira Fernández no 8 e no 9, pechando a candidatura Néstor Rego Candamil.

“Para o BNG de O Vicedo é unha honra que Néstor nos acompañe na lista e colabore con nós, pois o traballo que está a facer no Congreso polo país e pola nosa comarca é inmenso” manifestaron as compañeiras e compañeiros do BNG vicedense.

Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso mostrou a súa satisfación e orgullo por “poder formar parte da candidatura do BNG ao Concello do Vicedo” concello onde naceu. Néstor Rego sinala a gran capacidade das persoas que compoñen a candidatura, encabezada por Miguel Gómez, cun proxecto político como o do BNG “que pode sacar O Vicedo da situación en que se atopa”.

"A experiencia dinos que o PP non é nin será capaz de sacar o concello do Vicedo do esmorecemento. De facto, o PP é o responsábel porque se se puxo O Vicedo no mapa galego foi polas malas prácticas do PP, mesmo polos casos reiterados de corrupción. Nós, o BNG, o que queremos é que O Vicedo estea no mapa político de Galiza polas boas prácticas e poder ser, como noutros concellos gobernados polo BNG, coñecidos por seren capaces de transformar en positivo o concello" afirmou o deputado do BNG e candidato polo Vicedo.

Ademáis do propio candidato á alcaldía e de Néstor Rego interviron no acto tamén, o alcalde de Muras Manuel Requeixo e a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida, que según afirmou o candidato Gómez Fraga son concellos modelo BNG e que ademáis tenen semellanzas co noso concello, un no que respecta ao interior e á montaña e outro no que respecta ao litoral con moitas praias de calidade ao igual que O Vicedo. “Para nós os gobernos de Muras e Barreiros son referencias e queremos telos de modelo de goberno”, asegurou Gómez Fraga.

0.08309006690979