O BNG presenta unha moción en defensa da sanidade pública en todos os concellos da Mariña

Tras a multitudinaria manifestación celebrada en Viveiro o pasado domingo contra o desmantelamento da sanidade pública, o BNG está a presentar en todos os concellos da Mariña unha moción que recolle as demandas expostas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña no manifesto lido durante a mobilización do 23 de marzo.
O obxectivo da proposta é conseguir o respaldo unánime das corporacións municipais ás reivindicacións da Plataforma, que representan o sentir da veciñanza da comarca. Durante os últimos anos, a cidadanía expresou reiteradamente o seu malestar pola xestión sanitaria a través de concentracións, protestas e diversas accións reivindicativas. A preocupación céntrase tanto na situación da atención primaria como nos recortes de servizos no Hospital da Mariña, que derivan nunha crecente derivación de pacientes a Lugo e na carencia de médicos en numerosos centros de saúde.
“Esta nefasta xestión da sanidade está a prexudicar gravemente tanto a saúde como a economía dos mariñaos e mariñás. Día a día vemos como se reducen os servizos no hospital de Burela, obrigando a moitos pacientes a desprazarse a Lugo, como se volveramos corenta anos atrás. A isto hai que engadir a falta constante de profesionais médicos en moitos centros de saúde”, advertiu o responsable comarcal do BNG, Antonio Veiga.
Manifestación en Santiago o 6 de abril
Ademais desta iniciativa nos concellos, o BNG solicita tamén apoio para a manifestación nacional en defensa da sanidade pública convocada por SOS Sanidade Pública para o domingo 6 de abril en Santiago de Compostela. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña organizará autobuses para facilitar a participación masiva da veciñanza da comarca nesta mobilización.