O BNG presenta iniciativas no Parlamento para recuperar os dous médicos no Valadouro

AMariñaXa
Despois dos días de tensión e malestar vividos polas veciñas e veciñas do Valadouro ao quedar o centro de saúde sen médicos a semana pasada, o BNG presenta unha serie de iniciativas no Parlamento para recuperar os dous médicos que lle corresponden ao municipio.
medicos_o_valadouro_bng
19 Abr 2024

Despois dos días de tensión e malestar vividos polas veciñas e veciñas do Valadouro ao quedar o centro de saúde sen médicos a semana pasada, o BNG presenta unha serie de iniciativas no Parlamento para recuperar os dous médicos que lle corresponden ao municipio. Daniel Castro redactou e presentou unha proposición non de lei e varias preguntas para a súa resposta oral e escrita.

Os nacionalistas instan á Xunta de Galicia a cubrir de xeito inmediato permanente e durante toda a quenda as dúas prazas de médico no centro de saúde. Así mesmo instan ao Sergas e á Xunta a que se pronuncien sobre a situación que os concellos de O Valadouro e Alfoz levan vivindo varios anos coa ausencia do servizo de pediatría, suprimido polo PP e que daba cobertura aos dous concellos, e demandan a recuperación do mesmo.

“A nosa proposta é  que se cubran permanentemente as dúas prazas de médico/a, que é o que lle corresponde ao Valadouro. Nosoutros non pasamos por menos, polo que o Partido Popular terá que pronunciarse no Parlamento ao respecto”, explica Daniel Casro.

Pola súa banda, o tenente alcalde Eduardo Chao asegura que “a veciñanza mostrou o seu cabreo, porque esta situación é inaceptable, non pode ser que nos deriven a outros centros ou ao PAC de Burela, e no Valadouro chove sobre mollado, pois levamos anos sufrindo problemas en temas de sanidade, como foi a supresión do servizo de pediatría no seu día”.

Eduardo Chao criticou a actitude do Partido Popular a nivel local. “Esta xente do PP  en lugar de poñerse a solucionar o problema, pois son os seus na Xunta os que teñen a solución, dedícanse a faltarlle ao respecto á veciñanza e a colectivos coma a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña que leva máis dunha década loitando concello a concello fronte aos recortes do PP”. Para el o que é perigoso “é a política de desmantelamento da atención primaria que levan eles a cabo. Esa si que é unha politización fastidiada”.

0.17464900016785