O BNG presenta as propostas para o sector vacún de carne no Valadouro

AMariñaXa
O BNG presenta as propostas para o sector vacún de carne no Valadouro. Os deputados demandan da Xunta medidas urxentes
valadouro propostas sector vacun
7 Maio 2022

O Valadouro acolleu unha reunión para analizar propostas e solucións diante da difícil situación que atravesa o sector agrogandeiro. Para elo, os deputados Xosé Luis Rivas, Mini, e Daniel Castro, xunto co Tenente alcalde de O Valadouro e Ruth Rodríguez Bermúdez reuníronse co sector do vacún de carne.

Estes encontros do BNG co sector veñen desenvolvéndose por toda a comarca, desde que o 30 de marzo comenzaran reuníndose co sector leiteiro en Remourelle e continuaran ao longo da comarca durante todo o ano dos diferentes sectores do campo.

Para o BNG son precisas medidas políticas orientadas a favorece-los sectores produtivos (mellores prezos para os produtos agropecuarios) en contra dos sectores especulativos, mellora-las condicións sociais e os servizos no rural e corrixi-la tendencia deste sistema económico-social que o que quere son consumidores concentrados en grandes áreas xeográficas e comerciais destruíndo ese entramado social e económico do rural, característico deste noso País porque o consideran demasiado caro, complicado e nada moderno.

“Se o poder político, responsable en gran medida desta situación, non ofrece medidas correctoras, decididas e creadoras de proxectos de vida baseados nas ofertas que o territorio dá e articuladoras de esperanzas colectivas, o futuro do noso rural está fanado. Daquela cómpre tomar partido polo conxunto do País e neste caso do Medio Rural onde se sitúan, polo menos físicamente na actividade primaria, a produción destes bens” manifestou o deputado Xosé Luis Rivas, Mini.

PROPOSTAS

Xosé Luis Rivas e Daniel Castro, que recolleron as propostas do sector, foron poñendo enriba da mesa todas as propostas que o BNG levou e está a levar ao Parlamento, que son entre outras:

  • Marcar coma prioridade a creación de mesas de diálogo e negociación que reúnan os axentes que interveñen nas cadeas de produción, para estableceren prezos que, salvado-los custes de produción, aseguren ganancias que permitan un desenvolvemento económico-social dos diferentes sectores produtivos do rural.
  • Planificar accións coordinadas e debidamente orzamentadas destinadas a activar zonas deprimidas, abandonadas e despoboadas que permitan o reinicio das actividades agrogandeiras que fixen poboación, reactiven a economía e xestionen territorio coa meta posta na necesaria soberanía alimentaria.
  • Facilita-lo comercio de proximidade e a venda directa poñendo en marcha unha rede de matadoiros e Centros Comarcais de Transformación que permitan o desenvolvemento de pequenas e medianas explotacións familiares de producións tanto ecolóxicas coma integradas así coma o aproveitamento dos excedentes do autoconsumo.
  • Orientar todas estas medidas cara a unha única meta: a consecución de produtos de calidade, o respecto á sostenibilidade e equilibrio medio ambiental, e o peche na medida do posible dos ciclos (consecución de insumos para a produción de carnes, transformación dos produtos primarios... )
  • Recuperar unha porcentaxe de SAU que permita camiñar cara a unha soberanía alimentaria que elimine a dependencia de insumos exóxenos.
  • Priorizar plans de choque nas amplas zonas das provincias de Ourense e Lugo onde o abandono agrogandeiro e despoboación son máis acusados.
  • Orientar e priorizar todas estas medidas ó fortalecemento e expansión do modelo de pequenas e medianas explotacións agropecuarias.
0.18747091293335