O BNG presenta alegacións ao proxecto de reforma da praza da Catedral mindoniense

TerraChaXa | AMariñaXa
O voceiro do BNG, Eloi Cabanas, rexistrou varias alegacións e suxestións ao proxecto de reforma da praza da Catedral para que o grupo de Goberno as teña en consideración.
cartaz_entrega_premio2 copia_peq
5 Xan 2021

O voceiro do BNG, Eloi Cabanas, rexistrou varias alegacións e suxestións ao proxecto de reforma da praza da Catedral para que o grupo de Goberno as teña en consideración. Para o BNG a Praza da Catedral é o lugar máis emblemático da cidade e a súa posible remodelación debe efectuarse tras unha profunda reflexión, "sen precipitacións provocadas por oportunismos circunstanciais e con solucións que non sexan exclusivamente obras".

Ao BNG este debate pareceríalle moi interesante "se o fin fose buscar a mellor solución sobre o modelo de mobilidade que queremos ter no futuro nas rúas do casco pero mentres non haxa un consenso maioritario ao redor do proxecto, non lles parece prioritario andar movendo 2,5 metros o muro norte onde está a balaustrada ou 2 metros a escalinata do cantón grande". Así que para os nacionalistas, a conformación actual da praza debería manterse polo momento co mesmo aspecto que ten na actualidade.

O BNG entende que para estudar a necesidade de reforma da praza e antes de encargar o proxecto fora moito mellor realizar reunións previas coa veciñanza pero o certo foi que non se estableceu así nun principio, “agora temos un proxecto co visto bo de Patrimonio, a financiación do Estado para cometer as obras de remodelación da praza e o concello, apurado polos prazos legais para executar as obras, dando un tempo de dez días para formular alegacións e suxestións as actuacións previstas”.

O BNG apunta que en novembro do 2019 defendeu unha moción para que antes da aprobación definitiva se puxera a exposición pública o proxecto e que se concretaran as modificacións necesarias da circulación do tráfico polas rúas adxacentes á praza así como o novo enclave da parada de taxis unha vez prohibida a entrada de coches á praza da Catedral. "O grupo de Goberno emendou a proposta propoñendo tamén a creación dunha mesa de traballo na que se puideran achegar propostas e traducilas ao proxecto. Non se cumpriu o acordo plenario e máis de un ano despois da súa celebración aínda non temos unha solución clara e definitiva derriba da mesa de como vai quedar a praza".

Segundo o BNG, o Concello só presenta obras de reforma e renuncia a propoñer un plan de xestión da mobilidade e accesibilidade no entorno que dea solución a todo o tráfico rodado que conflúe na praza. “Somos conscientes que o novo ordenamento non é nada fácil pero debe pasar necesariamente por asegurar a mobilidade dos residentes da zona e a accesibilidade a actividades económicas, eliminando o tráfico de paso para orientalo a vías exteriores principais xunto co fomento de zonas de aparcamento alternativas”.

ALEGACIÓNS

-Peonalización Praza da Catedral:

Cren positivo a eliminación do tráfico na  Praza da Catedral, "esta medida contribuiría a crear unha zona máis de esparexemento no casco e o lugar deixaría de ser unha zona de tránsito a outras zonas da cidade tal e como acontece na actualidade. A peonalización da Praza da Catedral debería ir ligada a un plan global de mobilidade das rúas do casco tendo en conta zonas de aparcamento dirixidas a residentes e visitantes. Para iso, antes de sacar conclusións, sería necesario realizar unha recompilación de datos como a medición do tráfico nas rúas e un estudo de hábitos de mobilidade no entorno.

-Parada de taxis:

O cambio da parada de taxis debe ser consensuado cos taxistas e a decisión debe tomarse buscando o interese xeral e o beneficio de todos.

-Balaustrada do muro norte:

Segundo a memoria do proxecto, a actuación supón trasladar o actual muro 2,5 metros cara a praza coa idea de habilitar un paseo superior que non interfira o paso dos vehículos pola rúa.

"Pensamos que pode haber alternativas que impidan o avance do muro cara a catedral e tendo en conta que o treito da rúa Pardo de Cela que discorre a carón da balaustrada é de dobre dirección, poderíase aliviar o tráfico nesa zona permitindo a circulación nun único sentido".

-Ampliación do Cantón Grande:

As obras consisten en desprazar dous metros cara o centro da praza as escaleiras do cantón para permitir o paseo na zona superior.

"Parécenos moita obra de reforma para gañar só 80 metros cadrados máis de Cantón. O problema xurde pola mala planificación do concello coa distribución das terrazas que impiden o tránsito a pé dos peóns e, para garantir a accesibilidade de persoas con mobilidade reducida, non se propoñen outras posibles alternativas como podería ser a colocación dun ascensor que salve a pendente entre o Cantón e a rúa Lence Santar ou a construción  dunha  pequena rampla de acceso ou plataforma elevadora pola zona sur".

-Obras complementarias do proxecto de reforma da Praza da Catedral:

Ademais das obras maiores recollidas no proxecto, propóñense outras intervencións menores ou complementarias como son a limpeza e restauración do canal de desaugue que conduce a auga dos cantóns, a substitución da canalización de saneamento na rúa Pardo de Cela, a eliminación dos contedores soterrados, restauración dos farois dos soportais e a colocación doutros novos, colocación de focos incrustados no pavimento da praza próximos á fachada da catedral ou a renovación do pavimento deteriorado. Actuacións, estas si, que nos parecen positivas e que poden mellorar o aspecto e a funcionalidade deste espazo urbano. 

0.13861894607544