O BNG pon en marcha a campaña 'Viveiro adiante'
O BNG de Viveiro pon en marcha a campaña 'Viveiro adiante', un novo paso no seu compromiso de seguir impulsando o progreso da vila logo dun ano e medio de intenso traballo.
A campaña destaca "non só os logros acadados, senón tamén o traballo constante do BNG para mellorar a vida da veciñanza", din. A formación lanzou un boletín informativo que chegará aos domicilios, no que se detallan os avances conseguidos neste curto espazo de tempo.
Entre as accións máis destacadas, "cabe mencionar as melloras no servizo de xestión de residuos, como as obras de ampliación e mellorado do Punto Limpo, que xa nas primeiras semanas vimos como xa puidemos facer desaparecer puntos incontrolados de residuos como o do Pedregal ou o das Nogueiras, así como seguir coa mellora na xestión ambiental e de limpeza na vila", sinalan desde o BNG.
"A mellora na accesibilidade tamén está sendo un dos piares principais do BNG, como se demostra co recente elaborado Plan de Accesibilidade", engaden.
O BNG indica que, a pesar de todo o traballo realizado, aínda queda moito por facer: “Levamos apenas un ano e medio no goberno e ninguén pode dicir que estiveramos parados. Pero hai moito pendente que estaba paralizado, acabamos de entrar como quen di e estamos a traballar para levalos todos a cabo de maneira correcta. Só pedimos un pouco de paciencia, pois as obras requiren de financiamento e tempo, sobre todo cando estamos comprometidos en que unha vez que se fan as cousas, facelas ben para evitar problemas futuros e garantir a súa durabilidade", comentou Míriam Bermúdez.