O BNG pon en dúbida a nova saída de verquidos da EDAR, ao lado do Porto de Celeiro

AMariñaXa
BNG pon en dúbida a nova saída de vertidos da EDAR, ao lado do Porto de Celeiro e Praias
1 Oct 2021

O BNG pon en dúbida a nova saída de verquidos da EDAR, ao lado do Porto de Celeiro. Así "resulta curioso comprobar como nos últimos 3 anos, pandemia por medio, traballouse máis por unha ría de Viveiro limpa que nos 15 anos anteriores. Ata aquela, o saneamento de Viveiro solo serviu para facer fotos e anuncios dunha chuvia de millóns en inversións, tanto por parte do PP con Feijóo como Conselleiro de obras públicas primeiro, e presidente despois, anunciando unha inversión de 7 millóns de € no ano 2010; e tamen do PSOE de Viveiro, coa famosa foto con Beatriz Mato e Jesús Cal do Convenio de 2016, que quedou en papel mollado", din os nacionalistas de Viveiro.

En todo caso, "este avance é unha boa nova, e algo terá que ver coa mobilización social e co traballo feito polo BNG, con iniciativas no Pleno Municipal, no Parlamento Galego, no Parlamento Europeo, a recollida de sinaturas, o mural denuncia realizado, a concentración que convocamos en Celeiro... Chegouse a espertar o interese do Goberno Municipal e a Xunta, que conseguiron iniciar as obras da ampliación da EDAR a finais de 2020.", engaden.

Pero queda moito que facer e "aínda existen moitos puntos de verquido iregulares e puntos de alivio por tormentas, ao carecer Viveiro dunha rede de seneamento separativa; tampouco esquecemos unha praia de Covas que carece dunha solución definitiva para a súa rexeneración. Como reclamamos noutras ocasións, tras o saneamento da ría é preciso un estudo para a súa rexeneración integral e recuperación medioambiental e produtiva, e instamos ao goberno municipal a que inicie canto antes os trámites ante os organismos correspondentes para a súa elaboración", din dende o BNG.

En canto á aprobación inicial do proxecto saneamento de Celeiro e construcción do emisario, o BNG votou a favor xa que a súa execución beneficiará a toda a veciñanza de Viveiro.

Sen embargo, preguntanse se o "novo emisario proxectado verte sustancialmente máis perto do interior da ría que o punto de verquido anterior, en particular, a 200m antes do espigón de Celeiro, xustificado en que o verquido da EDAR realizarase nunhas condicións ótimas. Instamos ao Goberno Municipal a realizar un seguimento exahustivo tras a recepción da obra, e comprobar que non afecta á captación cercana do Porto de Celeiro e praias".

E se as novas instalacións deberán ser xestionadas polo Concello de Viveiro. "Serán estas instalacións asumidas directamente por Viaqua, ou realizarase unha nova licitación? Ten o Concello de Viveiro un Proxecto de Explotación das novas instalacións cunha valoración económica, ou deixará todo en mans de Viaqua, como é habitual?", así rematan dicindo.

0.16329789161682