O BNG pide modificar a Lei de Portos de Galicia para eximir do pago polo uso de terreos portuarios
O deputado e portavoz do Grupo Provincial do BNG na Deputación de Lugo, Daniel García, acompañado de concelleiros de Foz e Burela e do responsable comarcal Antonio Veiga, presentou en Burela diante das oficinas de Portos de Galicia a iniciativa que defenderá no próximo pleno da institución provincial para solicitar á Xunta de Galicia a modificación da Lei 6/2007 de Portos de Galicia co obxecto de eximir do pago pola utilización de terreos portuarios aos concellos e entidades sen ánimo de lucro.
“Agora mesmo hai múltiples actividades inseridas nas dinámicas sociais, como festas, eventos deportivos ou mercados, que deben pagar unhas taxas excesivas para poder levalas a cabo e a gran maioría realízanse en espazos urbanos que a pesar de estaren baixo a titularidade de Portos pouco teñen que ver coa actividade portuaria”, manifestou Daniel García.
En termos semellantes pronunciáronse tamén os tenentes de alcalde Francisco Xavier Fanego de Foz e Mario Pillado de Burela, que fixeron referencia ao que supoñen para as arcas municipais as actividades coma as Festas de San Lourenzo, Festas do Carmen, o desfile do Entroido, a Festa do Chícaro…entre outras, que lle supoñen ao Concello de Foz preto de 60.000 euros en taxas. No caso de Burela, a cantidade a pagar por diversos eventos coma as Festas Patronais, o Festival Osa do Mar, a Feira Expomar entre outras e a ocupación de espazos coma a Oficina de Turismo ou o local dos xubilados A Moncloa, ascende a 15.000 euros.
O responsable comarcal Antonio Veiga incidiu tamén na situación dos concellos galegos, sometidos a un sistema de financiamento local que os discrimina negativamente e que en moitos casos están asumindo competencias impropias, competencias que tería que asumir a Xunta e que as deriva aos concellos. “Por eso a Xunta, e neste caso a Consellería do Mar, con un conselleiro mariñao que tamén foi alcalde e que polo tanto debe coñecer ben esta situación municipal, deben prestar atención aos concellos costeiros, que xa asumen tamén gastos extraordinarios sobre todo en época estival, e eximilos destas abusivas taxas que perxudican tamén ás entidades sen ánimo de lucro que dinamizan vilas e pobos”.