O BNG pide habilitar lugares para cans en praias e zonas verdes de Viveiro

AMariñaXa
O BNG de Viveiro presentará unha moción para habilitar unha zona para cans en praias e zonas verdes de Viveiro
praia de seiramar viveiro
28 Xuño 2021

O BNG de Viveiro presentará unha moción para habilitar unha zona para cans en praias e zonas verdes de Viveiro. Segundo os nacionalistas "o único que se fixo durante os últimos anos en Viveiro, foi unha proposta de ordenanza cuxa aprobación inicial non saíu adiante por unanimidade da oposición argumentando unha vez máis, a falta de participación veciñal que ten por costume exercer o goberno municipal de Viveiro, a pesar de que a necesidade de contar con zonas habilitadas nas praias e noutros lugares do concello para o desfrute de mascotas domésticas é unha demanda que poderíamos denominar “histórica”, pois vénse demandando ano tras ano polas veciñas e veciños de Viveiro onde xa son dúas as iniciativas de recollida de sinaturas con máis de 1200, que non recibiron resposta formal nin a día de hoxe se fixo efectiva ningunha solución ou alternativa que permita á veciñanza o dereito a desfrutar en liberdade coas súas mascotas".

"No Concello segue sen existir posibilidade legal de que os cans corran, salten, se bañen e socialicen con outros cans, o cal é vital para o seu desenvolvemento saudable e equilibrado. É totalmente necesario dotar Viveiro destas zonas, tendo en conta que ademais de proporcionarlles ese dereito tamén suporía a medida máis urxente e máis efectiva para previr e controlar as molestias e perigos que os animais podan causar a persoas e instalacións, obxectivo que non se consegue coa prohibición, xa que ao non existir áreas delimitadas nin unha regulación da que todxs se podan beneficiar, a prevención e o control son inviables", di a voceira do BNG Miriam Bermúdez.

De xeito gradual, "sendo máis ambiciosos, incluso se podería colocar á beira das praias un posto/caseta que ofreza ás persoas usuarias estacas para atar os cans, papeleiras para depositar os excrementos, a instalación dunha mangueira ou duchas para cans... proxecto que ademais contribuiría a potenciar o turismo con mascotas no noso Concello", rematan dicindo.

0.14160299301147