O BNG pide declarar Galicia espazo libre de implantación de parques eólicos mariños
A través dunha pregunta parlamentaria, a portavoz do BNG, Rosana Pérez trasladou ao goberno galego, a preocupación do sector pesqueiro polo impacto dos proxectos eólicos mariños. Rosana Pérez reclamou declarar Galiza, “espazo libre para a implantación de parques eólicos mariños”.
Para o BNG, dixo, existe un grande “silencio e falta de transparencia” e no Parlamento galego mesmo descoñecemos os debates do Observatorio da Eólico Mariño, na súa opinión, de maneira premeditada para beneficiar os interese do goberno galego.
A deputada lembrou que o pasado mes de decembro, o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, afirmou no marco da V Edición do congreso, Galician Offshore International Hub, celebrado en Ferrol, que existía “un diálogo frutífero e consenso co sector pesqueiro marítimo galego ” para atopar as localización máis adecuadas para o desenvolvemento desta enerxía.
A deputada explicou que as declaracións de Conde foron criticadas días máis tarde por un representante do Consello Galego de Pesca no Observatorio da Eólica Mariña de Galiza, que, rotundamente negou “tal acordo” sobre posibles zonas e recalcou que o sector considera “incompatible” a eólica mariña coa pesca e cos ecosistemas mariños.
Neste sentido, a deputada acusou ao goberno de “manipulación” por facer público un acordo que non existe ademais de desvirtuar a posición do Observatorio e o sector pesqueiro.
Por outra banda, engadiu que tampouco existen estudos sobre o impacto dos posibles parques eólicos mariños nos caladoiros.
Tras a intervención da Directora xeral de Planificación Enerxética e Recurso naturais, Paula Uría que confirmou que non procede avaliar ningún proxecto mentres o goberno central non aprobe as zonas, a parlamentaria do BNG replicou que tanto os grupos parlamentarios como a sociedade descoñece os traballos do Observatorio, nin os acordos xa tomados a este respecto.
“Si realmente, como acaba de afirmar ‘non procede avaliar a implantación dos proxectos concretos mentres o Goberno central non aprobe as zonas’ porqué o vicepresidente da Xunta afirma que existe consenso sobre as localizacións co sector pesqueiro”? preguntou.
Para a deputada, senón procede avaliar ningún proxecto concreto porque son analizadas as zonas? a non ser, recalcou que a verdadeira intención do goberno galego sexa primeiro avaliar as zonas para despois implantar os proxectos eólicos.
A deputada do BNG tamén preguntou polos termos do acordo asinado polo Presidente da Xunta e os presidentes de Asturias e Cantabria para impulsar a enerxía eólica e se o acordo será remitido aos grupos parlamentarios que o solicitaron. A Directora Xeral de Planificación enerxética da Xunta eludiu responder á solicitude da nacionalista.