O BNG pedirá ao Estado que poña os edificios do SAREB da provincia a disposición da veciñanza

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O deputado no Congreso, Néstor Rego, presentou unha batería de preguntas en relación coa integración destes inmobles na recentemente creada empresa pública de vivenda
BNG-lugo-declaracións-Néstor-Rego
7 Mar 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de preguntas na cámara co obxectivo de coñecer o estado dos pisos que a SAREB mantén en Lugo e que, máis dun ano despois do anuncio de utilizar esas vivendas para incrementar o parque de vivenda pública, seguen nunha situación de limbo legal.

Após o acordo do Consello de Ministros e Ministras de traspasar determinados activos da SAREB á SEPES como Empresa Estatal de Vivenda e Solo da Administración Xeral do Estado, O BNG reclamou coñecer o estado do procedemento e o plan do goberno para Lugo.

“O BNG reclama que as vivendas titularidade da SAREB se transfiran de forma gratuíta á Xunta da Galiza para a súa incorporación a unha bolsa de vivenda pública", dixo Néstor Rego, que engadiu "as vivendas xa foron adquiridas con fondos públicos cando se produciu o rescate dos activos das entidades bancarias durante a crise inmobiliaria e financeira após o 2009, polo que son públicas e non ten sentido tentar recuperar os fondos doutras administracións cando non se lle exixiu ese pagamento aos bancos rescatados”.

Para o BNG non é entendíbel que o Goberno do Estado pretenda centralizar a xestión das políticas de vivenda e administrar directamente o alugueiro social dos inmóbeis cedidos pola SAREB. “Por moito que o executivo pretenda disfrazalo de coordinación e colaboración, dos trámites iniciados non se desprende a intención ou a materialización de mecanismos” critica o deputado do BNG.

“Queremos coñecer cantos inmóbeis sitos en Lugo titularidade da SAREB serán transferidos á SEPES e cantos quedan en mans da SAREB", afirmou Néstor Rego, que criticou que na súa resposta o goberno afirmase que aínda non sabe cal será o futuro dos 20 pisos da cidade e dos preto de 200 de toda a provincia.

0.1193220615387